«É importante valorar e protexer o patrimonio»

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

27 may 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Por encargo do Centro Recreativo de Artes, a rianxeira Ledicia Lustres (1980, Leiro) elaborou un libro de investigación que baixo o título O patrimonio etnográfico e arqueolóxico do Barbanza e de Porto do Son recolle, nunha especie de catálogo, os bens patrimoniais de cinco municipios da zona. Trátase dun volume dunhas duascentas páxina que, co fin de preservar e poñer en valor a riqueza histórica da comarca, describe o estado de petróglifos, dolmens, menhires, pombais, cruceiros, petos de ánimas, muíños ou hórreos.

-¿É o Centro Recreativo de Artes o que decide o contido e o ámbito de influencia desta investigación ou foi elección súa?

-A entidade levaba anos coa idea de elaborar este catálogo, nun principio de Ribeira, pero logo decidiuse estendelo aos demais municipios da zona. Eu incluín algúns apartados ou seccións que non estaban previstos nun principio pero, basicamente, foi o Centro Recreativo de Artes o que marcou o camiño. Eu encargueime, claro, do traballo de campo e da selección dos bens a incluír, pois era imposible catalogalos todos.

-¿Foi unha investigación longa e dura?

-Foi un proceso duns nove meses, primeiro no propio Museo Etnográfico de Artes e tamén en arquivos e bibliotecas. Logo pasei ao traballo de campo, visitando aldeas, preguntándolle a veciños e vendo bens novos que nin sequera estaban documentados. O resultado é un catálogo con máis de douscentos elementos, entre etnográficos e arqueolóxicos.

-En todo este proceso, ¿levouse algunha sorpresa?

-Destaco moito no libro o estado de conservación dos bens en xeral e, sobre todo, dos etnográficos.

-¿Por bo ou por malo?

-En xeral, o mal estado. Tratábase diso, de agrupar os bens e deixar constancia da situación na que se atopan e tamén dos seus accesos, pois é moi complicado chegar a algúns. No libro inclúo coordenadas GPS e mapas para localizalos.

-De todos os bens recollidos no volume, ¿cal destacaría?

-Elixir un é complicado. Si que puntualizo no libro a existencia de bens que, aínda que non se atopan neste territorio pertencen a el, como é o caso do casco de ouro de Leiro. Tamén fago referencia a xacementos coma os castros de Baroña e Neixón que, a pesares da súa importancia, carecen da máxima protección.

-¿Pensa, claro, que deberían tela?

-Penso que é importante que se valoren e protexan os bens patrimoniais.

-¿Cal foi o principal problema que se atopou neste percorrido pola historia de Barbanza e Porto do Son?

-Resulta moi complicado acceder a algúns dos bens patrimoniais e por iso no libro tentei detallar a súa localización o mellor posible, sobre todo o que se refire aos petróglifos e aos castros. Este problema convértese tamén nunha vantaxe, que é que, ás veces, un atopa elementos cos que non contaba, pero o problema é que se perde moito tempo á hora de levar a cabo o traballo de campo.

-¿Cal foi o obxectivo persoal que se marcou vostede á hora de escribir o libro?

-A miña idea era recompilar todo o patrimonio nun só libro. Trátase dunha selección, pois recoller todos os bens existentes nestes cinco municipios sería imposible. O obxectivo é que os veciños e os visitantes teñan coñecemento xeral sobre o patrimonio e saiban onde está cada elemento. Tamén pretende servir de denuncia ou de alerta sobre o mal estado que presentan algúns bens, co fin de que a xente tome conciencia de que o patrimonio é de todos.

-É entón un libro claramente descritivo, ¿non?

-Si, hai introducións teóricas sobre os eidos da arqueoloxía e da etnografía, así como tamén unha reseña sobre o museo de Artes, pero o resto son páxinas con fotografías e descricións dos distintos elementos seleccionados.