Cambio. Esa é para Javier Chouza unha palabra clave de cara ás eleccións de maio. Considera que é o momento da renovación en Boiro e está disposto a facerse un oco na política municipal como líder de UPBoiro.
-A política venlle de cuna, ¿por iso se embarcou nisto?
-Teño o mesmo interese que calquera veciño convencido de que hai que tomar cartas no asunto, pero nunca tiven especial interese en meterme en política, foron as circunstancias as que me levaron a tomar parte activa nela.
-¿E coñecer os sinsabores da política non o amedrentou?
-Claro que ten sinsabores, porque algúns esperan o que non deberían, hai quen pensa que por votar a un partido logo se ten que ver favorecido, e non é así. Hai que gobernar para todos, que é algo que din todos os partidos e que non cumpren. As decisións que se tomen teñen que ser sempre en beneficio do ben común, o contrario non é gobernar.
-¿Non se está arrepentindo agora que ve todo o que implica liderar unha candidatura nova?
-Non, para nada. Unha das cousas que teño claras é que cando tomo unha decisión é con todas as consecuencias.
-Pero había quen dubidaba de que fora presentar a lista.
-Eu tiña claro o que quería, o noso reto era presentar unha candidatura e lográmolo. Alguén pensou que era un farol ou un brinde ao sol, pero ese non é o meu estilo, cando digo algo cúmproo. Tamén creo que había xente interesada en crear ese tipo de dúbidas.
-¿Como ve o panorama de cara ás eleccións?
-Hai quen di que si hai cinco partidos é dividir os votos, pero iso non é así, os votos son propiedade dos veciños non dos partidos e eu creo que, cantas máis alternativas haxa, mellor.
-¿Pactará UPBoiro se se converte en chave para gobernar?
-Para empezar, a nosa intención é ser a lista máis votada, o noso obxectivo é gobernar. De non ser así, en principio, non son partidario dun pacto, se non hai maioría absoluta debera gobernar a lista máis votada. Pero nós non imos poñer paus nas rodas de ningún executivo e apoiaremos o que sexa bo para Boiro. O voto é propiedade dos cidadáns e xogaremos o papel que eles nos dean.
JAVIER cHOUZA cANDIDATO DE uNIÓN pOPULAR DE bOIRO