Un canon para María

Ambrosio Casenada

BARBANZA

08 abr 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Se ben non é para ela, senón que lle chega imposto ou, mellor dito, é a todos aos que nos chega. En Barbanza, todas son María, ¿e quen de nós non ten unha na casa? Hoxe quero falar do canon da auga. Nada máis atoparme con María, estendeume un recibo; e, ao tempo que se crecía en sorpresa, dicía: «Mira, é o recibo da auga. Cada día cobran máis. ¿Tamén terás que pagar, un día, o aire co que poder respirar?». Eu sumeille as cantidades. Non daban para o total. Mais se tiña en conta a outra, que figuraba no marxe -era a do importe do lixo-, pasaba da cantidade, se ben só en catro euros. E así llo fixen saber. «Por calquera aclaración, aí o pon, dinche estes que te achegues á entidade». «Non é iso -replicou-, senón o canon da auga que consta ao pé da columna. Xa fun e xa me dixeron que iso era cousa da Xunta».

Efectivamente, ao pé da columna de conceptos constaban as tres palabras: importe, canon e Xunta. «¿E, entón, para que volver alá? Se nunca aclaran o como e por que do cobro, segundo o custe que acaden do servizo que nos fan, ¿como me van aclarar se, por xuntarse, os da Xunta teñen tamén que cobrar? De momento, quen cobraron foron eles, e seguro que tampouco se van negar a liquidar, para devolver os cartos de quen os xuntaron antes. Pero irei a comprobalo».

Non sei se lle deron razón, pero lembrei de súpeto un titular: «El BNG pide con 14.000 firmas abolir el canon del agua». Xa estamos outra vez nela. Farán o mesmo que coa escollera de Noia.