Repaso fotográfico pola historia da Semana Santa pobrense

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

A parroquia do Deán está a montar unha exposición con 140 imaxes de procesións desde o 1952 ata a actualidade

18 mar 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

A Semana Santa esperta cada vez máis expectación en Barbanza. A proliferación de confrarías contribúe a que cada ano sexan máis as procesións e actos de carácter relixioso, que en cada edición ganan en vistosidade e en afluencia de público. Nesta ocasión, os fregueses da parroquia pobrense do Deán decidiron darlle un pulo máis á celebración, montando unha exposición fotográfica que ven ser un repaso pola historia desta celebración na localidade.

Hai xa varias semanas que os membros da confraría do Santo Enterro e de Nosa Señora da Soidade, capitaneados por José Manuel Vila Hermo, empezaron a traballar nesta iniciativa, mediante a recompilación de imaxes. Conseguiron reunir unhas 140 instantáneas, que estes días están a colocar nuns paneis instalados nun local fronte á igrexa parroquial. Está previsto que a exposición se inaugure o día 26 e estea aberta ao público catro xornadas máis: 2, 3, 9 e 10 de abril.

Do que se trata é de «ofrecer unha recompilación das manifestacións artísticas e sobre todo escultóricas que compoñen a Semana Santa do Deán, con imaxes de artistas dos talleres Compostelano, Noia e Escuela Gallega; así como do mestre da Escola de Artes e Oficios Mateo Larrauri».

Protagonismo das esculturas

Estes foron os artistas que recrearon os puntos principais da Paixón da Semana Santa mediante pezas como O Paso do Bico de Xudas; A Sentencia, un grupo escultórico doado por Benito Montenegro; ou O Anxo; todas elas de Larrauri. Entre as pezas que protagonizan as instantáneas que poderán verse nesta exposición destacan tamén a Virxe da Soidade, do século XVI; ou O Santo Sepulcro, restaurada no século XX por Ramón Núñez.

Estes son algúns dos símbolos e retablos que compoñen a parte principal da igrexa de Santiago do Deán e que son o reflexo dunha realidade histórica da vila pobrense. O que pretende facer agora a confraría é amosar fotografías de todas estas imaxes relixiosas nas distintas procesións que se levaron a cabo na localidade desde o ano 1952 ata a actualidade. A mostra complétase con información detallada sobre cada unha das esculturas vinculadas á Semana Santa que se acubillan neste templo. Todo co fin de promover o a celebración e animar aos veciños e visitantes a que se sumen ás actividades desta edición.