«Airiños é un grupo con moita enerxía, imparable»

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

25 feb 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Estudou Imaxe e Xornalismo, pero hai uns cinco anos descubriu o mundo das artes escénicas e quedou prendada del. Por iso, aínda que exerce como técnico audiovisual na Facultade de Ciencias da Información de Santiago, a rianxeira Esther F. Carrodeguas está moi vinculada aos escenarios. Ten unha compañía, Teatro da Falúa; imparte cursos aos alumnos das escolas infantís de Rianxo e, desde hai un tempo, encárgase da dirección de Airiños Aínda que asegura estar encantada con este novo reto, deixa claro que foi a gran familia de Asados a que recorreu a ela co fin de que lles axudara a darlle un aire novo ao grupo.

-¿Como se produce o encontro entre Airiños e Esther Carrodeguas?

-Nunca participara na compañía pero, claro está, coñecíaa e tiña contacto con algúns dos membros. Foi precisamente unha das actrices que sabía da miña traxectoria a que fixo de intermediaria. Chamáronme, nun principio, para impartir un curso de improvisación, xogos teatrais e técnicas de liberación, que tivo lugar no verán e que rematou cunha pequena función duns dez minutos. Debeu gustar, porque despois chamáronme para que asumira a dirección.

-¿Como pretende darlle ese aire novo a unha compañía que leva case oito décadas enriba dos escenarios?

-Son os integrantes de Ariños os que están interesados en darlle un aire novo. Eles déronse conta de que sempre facían o mesmo e queren innovar. Para min non é tanto un cambio radical, senón unha progresión. De feito, presenteilles varios textos para preparar e elixiron unha farsa humorística, unha peza moi no estilo do que ven facendo o grupo.

-¿De que obra se trata?

-É unha versión que eu escribín de Cuatro corazones con freno y marcha atrás, de Enrique Jardiel Poncela. O título non convencía moito, polo que a función de Airiños vai saír con outro moi distinto, Ata que a morte nos separe.

-¿Como é a aplicación das técnicas innovadoras á hora de preparar esta función?

-Para min, a gran diferenza, é que Airiños, como a maior parte dos grupos afeccionados, teñen un xeito de traballar partindo do texto. Eu o que pretendo é darlle máis importancia á expresión corporal. Levamos traballando na nova obra desde o mes de novembro e, practicamente, o que fixemos foi preparar aspectos como a forma de camiñar dos personaxes, a presenza que van ter sobre o escenario ou como van falar.

-¿Que destacaría destes tres meses que leva como directora de Airiños?

-É moi interesante traballar con xente que leva sobre os escenarios tantos anos como teño eu. É certo que eu teño formación en teatro, pois estiven estudando na escola Espazo Aberto de Santiago e fixen varios cursos, algúns deles en Barcelona, pero eles teñen a experiencia.

-¿Que foi o que máis lle impresionou cando entrou a formar parte desta familia de Asados?

-Airiños é un grupo con moita enerxía, imparable, leva tantos anos no escenario que sorprende só por iso. Eu teño unha compañía e sei o esforzo que supón manterse, porque sempre hai altibaixos e actores que abandonan. No caso de Airiños, a xente ten moitas gañas. Eu estou afeita a traballar con persoas de vinte ou trinta anos e pensaba que os maiores terían máis vergoña ou medo escénico, pero atopeime co contrario. Vexo que se animan a todo, que teñen seguridade e gozan co que fan.

-Hai quen pide xa un grupo infantil, ¿veo posible?

-É unha das pretensións que temos. A miña idea é organizar, de cara ao verán, un curso similar ao que se fixo cos adultos o ano pasado. Hai moito interese en xuntar xeracións, pero en algunhas obras é imposible. O que está claro é que hai que buscar alternativas para os nenos que acoden aos ensaios e que se ve que teñen moito interese polo teatro. Airiños quere, de algún xeito, garantir o futuro da compañía e iso é unha cuestión a ter en conta.