«Teño todas as especies do parque natural en fotos»

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

Estivo media vida no mar, traballando, e xa daquela xurdiu o interese de Antonio Parada Mariño pola flora e pola fauna. Foi cando se xubilou cando tivo ocasión de dedicarse por completo a percorrer a comarca na procura de especies vexetais e animais ás que inmortalizar co obxectivo da súa cámara. En algunha que outra ocasión, incluso fixo un achado importante. O último foi hai uns días, no parque natural de Corrubedo, onde atopou, xunto co seu colega de andanzas Xermán García, unha orquídea non catalogada en Galicia.

-¿Como descubriron que estaban ante unha especie nova?

-Foi un día que viñamos de sacar unhas fotos da zona da costa e cando xa nos iamos para a casa, chamounos a atención unha orquídea, pois nunca antes a víramos no parque natural. Fixémoslle varias fotos e, ao chegar cada un á súa casa, comprobamos nos libros que se trataba dunha especie non catalogada en Galicia. Logo, o meu compañeiro Xermán pasoulle a instantánea a un botánico e el confirmou as nosas sospeitas.

-Acoden entón con frecuencia ao parque, ¿non?

-Percorremos toda a comarca, pero o complexo de Corrubedo é un dos nosos lugares de referencia. Estivemos ao longo de dous anos examinando a flora e a fauna alí existentes. De feito, teño todas as especies do parque natural en fotos. Aínda así, gústanos todos, bicho que vemos, bicho que retratamos.

-¿Ten preferencia por algunha especie en concreto?

-Eu tiro máis polas aves. Pertenzo á Sociedade Española de Ornitoloxía e gústame moito achegarme ata as lagoas, tanto as do parque natural como as de Xuño.

-¿Como empezou esta afección súa?

-Entrei en contacto coa fotografía cando vin da mili e, unha cousa levoume á outra. Xa cando traballaba como mariñeiro, fotografaba todo canto bicho raro pasara polas miñas mans. Despois empecei a atoparme con animais e con plantas que chamaban a miña atención e dedicábame a facerlles fotos.

-Debe ter unha colección inmensa de instantáneas, ¿non é así?

-Teño miles de fotos. A verdade é que nunca me parei a contabilizalas, pero tendo en conta que levo trinta anos con esta afección, imaxínese.

-E, ¿que fai con todo este material?

-Téñoo todo máis ou menos arquivado. Algúns dos meus traballos foron empregados para ilustrar libros; de feito, hai uns quince volumes que inclúen fotos miñas. Non é que eu faga fotografías con ánimo de lucro, pero si que me gusta que o meu esforzo se vexa recoñecido de algún xeito. Hai que ter en conta que tanto eu como o meu compañeiro Xermán botamos horas e horas percorrendo a comarca coas nosas cámaras.

-Agora preparan incluso unha publicación sobre a nova orquídea de Corrubedo...

-Si. A nosa intención é facerlle un seguimento á planta e plasmalo en imaxes. Queremos esperar para comprobar se saen outros exemplares desta mesma especie. Se fose así, falariamos cos responsables do parque natural para ver a posibilidade de instalar un valado na zona. De momento cremos que non debe facerse, pois sería un xeito de chamar a atención da xente sobre a orquídea.

-¿Atopou antes unha especie rara?

-Hai pouco tempo paseille unha foto dun calamar á Sociedade Galega de Historia Natural e viñeron a buscar o animal para metelo en formol.