«Queremos que nos deixen reforestar o monte»

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

12 feb 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Sensibilizados pola imaxe desoladora que os incendios, sobre todo os ocorridos naquel fatídico verán do 2006, deixaran nos montes de Rianxo, un grupo de mozos de Taragoña decidiron fundar Antrospinos. Entre eles atopábase Luis Tembra, quen di exercer sinxelamente de voceiro, pois os cargos non van con esta entidade. O colectivo iniciou a súa andaina co fin de reforestar as zonas queimadas, pero foi ampliando o seu radio de acción aos eidos cultural e festivo .

-Antrospinos veñen a ser unha ducia de persoas, ¿que os levou a unirse?

-A asociación naceu no 2008 coa idea de traballar no eido da reforestación, o que ocorre é que, para recadar fondos, organizamos un festival que, ano tras ano, foi medrando. De feito, na última edición congregamos a unhas tres mil persoas.

-O pasado fin de semana levaron a cabo a terceira plantación en Campo Maneiro, ¿por que esta zona?

-Por unha banda, porque Campo Maneiro é un dos lugares emblemáticos de Taragoña, que ademais nós empregamos para o festival. A nós gustaríanos facer traballos de reforestación en outros lugares da parroquia que tamén resultaron afectados polos incendios e están abandonados, pero non podemos, pois o actual presidente da comunidade de montes non nos concede o permiso necesario.

-Pero, ¿non é un sin sentido que unha comunidade de montes se opoña a unha reforestación?

-Si que o é, pero a nós non nos queda máis remedio que acatar o que a comunidade di. Quizais deberiamos tratar de poñernos á fronte dela.

-¿É ese un dos obxectivos de Antrospinos nestes intres?

-Si e non. Digo isto porque non estamos interesados en asumir o mando, pero si en colaborar coa comunidade de montes en temas de repoboación. Cremos que o que pedimos non é nada complicado nin ilóxico, só queremos que nos deixen reforestar o monte. Actualmente, como carecemos de outro espazo, actuamos en Campo Maneiro, onde plantamos poucas especies, pero de gran tamaño. Son máis caras, pero tamén teñen máis posibilidades de saír adiante.

-Despois da plantación do sábado, ¿cal vai ser a vindeira actividade de Antrospinos?

-Agora mesmo estamos a traballar na organización do Entroido. Ao igual que o ano pasado, imos facer un baile no centro cultural de Taragoña. Nesta ocasión, estará inspirado en Eurovisión e haberá incluso un escenario para que a xente poida cantar.

-E en canto ao festival de rock, ¿xa hai algún contrato pechado?

-Hai contactos moi avanzados pero, de momento, nada pechado. Si que hai data xa para o festival, que será os días 29 e 30 de xullo. Tamén podemos adiantar que contaremos con catro grupos cada día, a maior parte da comarca, aínda que tamén virá algún de Francia e de Portugal.

-¿Traballa en algunha outra iniciativa Antrospinos?

-Queremos habilitar unha ruta de sendeirismo que había entre o peirao de Taragoña e a zona de Pontebeluso. Hai uns anos existía un camiño que agora mesmo está intransitable. A nosa idea é acondicionalo na primavera para que a xente pasee.

-A entidade naceu como un colectivo xuvenil disposto a dinamizar a parroquia de Taragoña. Tres anos despois, ¿considera que a misión está cumprida?

-Penso que si porque, aínda que somos unha ducia de persoas, hai un montón de xente que apoia as nosas actividades. Sen ir máis lonxe, no Entroido veñen a Taragoña un bo número de mozos de Rianxo, pois alí non se fai un baile específico para eles.

-¿Ven entón recompensado o seu esforzo?

-Sen dúbida. Gústanos o que facemos e, ao mesmo tempo, a xente agradécenos cada actividade que levamos a cabo. Polo de agora, o balance que facemos é moi positivo.