O rianxeiro decidiu facer unha aposta forte pola calidade e asegura que, polo de agora, lle está a dar bos resultados
11 dic 2010 . Actualizado a las 02:00 h.Naceu no seo dunha familia de artistas, de promotores da música tradicional, e Pepe Romero elixiu continuar a saga, aproveitar a circunstancia de ter medrado entre os sons das gaitas e dos tambores para, como el mesmo di, «facer país». Coa súa xente, Os Rosales de Rianxo, descubriu unha afección que logo se convertería nun dos eixos da súa vida, no alicerce da súa loita persoal.
Con só 6 anos, Pepe Romero subiuse por vez primeira a un escenario. Foi en Cabo de Cruz, nun descanso da orquestra que amenizaba a verbena. Aos 9, xa era membro oficial dos Rosales. Por aquel entón, compaxinaba os pasarrúas e as festas populares cos estudos de solfexo, ata que se estableceu en Ribeira e empezou unha nova etapa como docente. Primeiro puxo en marcha a escola de gaita e percusión nesta cidade, da que saíu o grupo Ancoradoiro; e despois fixo o mesmo en Porto do Son, onde fundou a banda Suevia, na que continúa actualmente.
Asegura que sempre deu os seus pasos movido por un mesmo obxectivo: «O meu desexo é que a música tradicional non sexa un veleiro que se perde no mar». Neste sentido, deu un paso de xigante cando chegou a Ribeira, creando unha escola de gaita e percusión que nunca existira e fundando o grupo Ancoradoiro: «Decidín chamarlle así porque a música tradicional ancorou daquela no municipio».
Crítico co pobo
Aquel soño acabou truncándose «por cuestións naturais e por falla de estímulo e potenciación». Pode que o fin de Ancoradoiro marcara un antes e un despois na vida de Romero, pois agora amósase bastante crítico coa xente: «Boto en falla unha actitude máis territorialista por parte do pobo. Penso que se nós non defendemos o noso, ninguén o vai facer e se a xente demandara a súa música, a súa cultura, ás institucións non lles quedaría máis remedio que poñer os medios para promocionala e difundila».
Como tantos outros que comparten a súa afección, Romero non vive da música: «Sobran os dedos das mans para contar aos que o conseguiron»; pero tampouco o pretende, o seu obxectivo é moito máis doado de cumprir, é unha cuestión de vontade: «Gustaríame que houbese máis actividade na comarca, pero non tanto porque as administracións a propiciasen, senón porque o pobo a demandara».
De feito, este ribeirense é un pouco soñador e imaxínase «unha humanidade máis solidaria, agresiva e sensible, unha xente máis próxima a calquera tipo de arte e, concretamente, á música». Esta é a imaxe que a Pepe lle vén á cabeza cando está no seu recuncho preferido de Barbanza, en Coroso: «Gústame pola súa inmensidade. É un lugar que me permite lanzar a vista ao lonxe sen ver o que hai ao outro lado e, polo tanto, imaxinalo».
E, cando deixa voar o seu maxín, vese a el nun mundo no que a música, concretamente a tradicional, ten un papel protagonista, tanto, que lle permite vivir sen ter que dispoñer dun traballo alternativo.
Recoñece que tentou que este obxectivo fose unha realidade, pero non o conseguiu. Quizais foi por iso polo que decidiu marcarse un camiño moi concreto: «Nestes intres son bastante selectivo, non son un gaiteiro todoterreo. Á hora de tocar en público, busco que se dean certas condicións».
Cambio de actitude
Romero bota man dunha imaxe que garda na retina para explicar o xiro que decidiu darlle á súa carreira musical cando deixou o seu Rianxo natal e se estableceu nas terras ribeirenses: «Lembro tocar cos Rosales en Ribeira e ver como se pechaban as portas e as fiestras das casas, mentres que con Ancoradoiro conseguín que a xente que vivía na rúa Rosalía de Castro saíra das súas vivendas para escoitarnos e aplaudir».
Asegura que o reto que se marcou foi deixar que sexa o público o que o busque a el e ao seu grupo: «Propúxenme dotar de calidade a música que sae das miñas mans e da miña xente». Asegura que, de momento, a fórmula está funcionando, e iso que non corren os mellores tempos para as artes en xeral: «A miña idea está dando resultados, a pesares de que este estilo de música non está, nin moito menos, entre os máis demandados a día de hoxe».
Para el, facer un número de concertos determinado ou encher unha cifra concreta de cadeiras no auditorio non son os elementos máis importantes. O que prima no traballo de Pepe Romero, tanto como integrante como director de Suevia, é a calidade. Para el, a música tradicional é moito máis que percorrer miles de quilómetros soprando para arrancarlle sonoros sons ao fol dunha gaita, este ribeirense de adopción atopa na música as calidades que máis valora: «A bondade, a solidariedade, a empatía e a harmonía».