Os sirenos de Barbantia evidencian o bo momento da cultura na bisbarra

Javier Romero Doniz
Javier Romero NOIA/LA VOZ.

BARBANZA

05 dic 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Buscou Barbantia a calor de todos os «barbantios» para pechar o 2010 presentando o Anuario de Estudos do Barbanza e entregando os Sirenos de Bronce, os premios anuais que os socios deste colectivo cultural elixen dende hai seis anos. Ocorreu nun acto cálido e entre amigos que pouco tivo que ver coas baixas temperaturas que o termómetro sinalaba nas rúas. Foi baixo a vitalista obra de Alfonso Costa que decora o teito da casa da cultura sonense onde tivo lugar a cita, que tal e como recoñeceron todas as partes implicadas, serviu para unir máis a bisbarra coa súa cultura, que vive un moi bo momento.

Foi precisamente esta palabra, cultura, a repetida máis veces polos premiados: Andrés Torres Queiruga, Pepe Romero e o equipo de normalización lingüística de Barbanza. Todos tiveron verbas de agradecemento para o traballo desenrolado por Barbantia.

Un dos discursos máis esperados foi o que serviu para pechar o acto. O teólogo de Aguiño, Torres Queiruga preferiu non falar de si mesmo e facelo do colectivo que decidiu outorgarlle o Sireno de Bronce, enxalzando o poso científico que aporta coas súas publicacións.

Agradecementos

Outro dos recoñecementos foi para o gaiteiro Pepe Romero. Fixo un discurso fino e humilde no que se acordou, ademais da súa familia, dos que confiaron nel para divulgar a música dende a xestión municipal en Ribeira e Porto do Son.

O terceiro sireno foi para o equipo de normalización lingüística de Barbanza. Miguel Louzao, o presidente, recolleu o galardón en compañía dalgúns membros, alertando da perda «preocupante» de galegofalantes entre os rapaces máis novos.