A arte entra nas aulas da Pobra

María Xosé Blanco Giráldez
M. X. Blanco RIBEIRA/LA VOZ.

BARBANZA

No marco dun programa de plástica, 160 alumnos realizaron traballos relacionados co mar que agora se exhiben na casa de cultura Fernández Soler

23 nov 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Uns 160 alumnos das escolas unitarias da Angustia, do Conchido, de Granxa e de Vilariño, e do colexio Fernández Varela son os autores da colección artística que desde a noite do venres se exhibe na casa de cultura da Pobra. A exposición está composta por cadros e pequenas esculturas relacionadas co mundo do mar.

O proxecto que deu lugar a esta iniciativa cultural xa se puxo en marcha o curso pasado no municipio. Daquela, guiados polo artista Manuel Teira, os rapaces montaron una exposición relacionada coa auga. O que se pretendía era imitar una experiencia xestada en Italia nos anos corenta, despois da Guerra Mundial, cando as nais se xuntaron para montar escolas nas que decidiron introducir o ensino artístico. Hoxe, de feito, ditos centros educativos contan con creadores entre o seu persoal docente.

Tralo éxito daquela primeira experiencia, os centros de ensino decidiron repetir. Nesta ocasión, botaron man dunha artista de Porto do Son, Mónica Montero, e decantáronse por un tema moi próximo aos alumnos, o mar. «O primeiro paso foi unha recollida de materiais propios da praia, cos que se lle ensinou aos rapaces a sentir as diferentes texturas», explicou Mónica López, a mestra encargada da coordinación do plan.

Logo os alumnos fixeron as obras de arte propiamente ditas, que son, por unha banda, cadros e, pola outra, unha especie de monstros mariños presentados a modo de esculturas. Para facer estes últimos, os rapaces botaron man de materiais de refugallo.

Apertura á sociedade

Mónica López comentou que os obxectivos que se perseguen son varios: «O primeiro que se busca é traballar a linguaxe artística dentro das aulas, garantindo que a creatividade ocupe un espazo importante no horario lectivo. Tamén pretendemos abrir as portas das escolas ao público, para que os veciños vexan e valoren o traballo».

Esta segunda parte da experiencia materializouse na noite do venres, cando se inaugurou a exposición Sentindo o mar , que permanecerá aberta na casa de cultura Raquel Fernández Soler ata o 10 de xaneiro. O acto estivo presidido polo rexedor local, Isaac Maceiras. Tamén acudiron a concelleira de Cultura, Encarna González; a artista Mónica Montero; a mestra Mónica López e dous representantes do Centro de Formación do Profesorado, que é o organismo que financia este programa.

E mentres o público admira e valora o traballo feito polos alumnos das escolas pobrenses, estes mergullaranse nunha nova edición desta experiencia artística. É que, Mónica López avanzou que en breve se vai empezar cun novo proxecto: «A nosa idea é que a iniciativa se leve a cabo todos os anos. De momento, para este curso xa temos decidida a identidade do artista que nos vai axudar, pero fáltanos elixir o tema a tratar».