«Nalgúns portos apenas sacan para pagar a Seguridade Social»

La Voz

BARBANZA

14 nov 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

O mar está a pasar un mal momento. Os ingresos da xente que vive da pesca e do marisqueo diminuíron nos últimos anos e esa é unha das preocupacións de Agamar.

-¿Pódese vivir do marisqueo hoxe en día?

-Depende da organización, aínda que tamén hai zonas nas que por moito que fagas é moi difícil. Nalgúns portos apenas sacan para pagar a Seguridade Social. Creo que si todos poñemos algo da nosa parte, unha persoa pode vivir dignamente do marisqueo.

-¿Teñen apoio por parte da Administración?

-Na actualidade, a pesca artesanal e o marisqueo están soportando a maior parte da crise e por iso, a Administración ten que apoiarnos máis coa finalidade de garantir o futuro.

-¿Notouse moito a caída dos prezos?

-Estamos moi preocupados. Nalgunhas entidades os prezos baixaron ata un 40%. Non nos podemos esquecer que o marisqueo é unha importante fonte de ingresos de moitos municipios costeiros. Por exemplo, na Pobra pasouse dunha media anual de 15.000 euros ata os 9.000 do exercicio pasado e os topes non se poden aumentar porque saturas o mercado e os prezos caen.