«É fundamental estar informado para saber o que pasa e poder reclamar »

La Voz

BARBANZA

14 nov 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Na comarca de Barbanza Agamar está actuando con bastante frecuencia. Un dos conflitos nos que tivo que mediar foi nas denuncias formuladas por mariscadoras de Rianxo que non querían o reparto do monte maior e outro que aínda está bastante quente como é o das vixilancias nocturnas en Cabo de Cruz.

-¿Que pasou en Rianxo?

-impuxéronlle o reparto de monte maior, pero foron as propias mulleres as que o botaron abaixo. Agora está superado pero foi unha extorsión, porque os dirixentes non quixeron entrar en razón polo que é de resaltar o éxito das mulleres que buscaron unha saída e agora cada unha traballa para si.

-Agora o conflito saltou en Cabo de Cruz.

-Este é outro problema que non ten porque ser, pois é unha cuestión de réxime interno e as maiorías mandan. Neste caso, acordaron moitos mariscadores non facer as vixilancias de noite e iso os directivos teñen que aceptalo, pero non, o que queren é impoñelo. Eu comprendo a situación do patrón maior que queira preservar o marisco, pero ten que acatar as decisións da maioría.

-¿Que lle parece a eliminación do seguro de accidentes para a xente do mar?

-Non o entendemos. Antes nas casas o que se pagaba era a Seguridade Social para poder ir ao médico, e a funeraria. O seguro de accidentes era unha axuda para as viúvas e tamén para os fillos, pois pagábanselle os estudos. Entendemos que haxa crise e que se fagan recortes, pero non nestas cousas.

-¿A xente está concienciada de agruparse ou asociarse?

-Tanto os mariñeiros coma os mariscadores estanse dando conta de que a unión é a forza. Se estamos unidos podemos conseguir cousas e por ese camiño é por onde temos que tirar. Tamén é fundamental estar informados para saber o que pasa e poder reclamar ou esixir os nosos dereitos.

-Entón, non queda máis remedio que estar unidos.

-Non podemos esquecernos que agora, por exemplo, o marisqueo é o principal ingreso de moitas familias e o asociacionismo é a mellor fórmula para superar moitos problemas.