Esta profesional do canto e do pentagrama asentouse en Barbanza onde imparte docencia e exerce a súa vocación
24 sep 2010 . Actualizado a las 02:00 h.Sonia Lebedynski confesa que no Barbanza atopou «a tranquilidade dunha vila que non sabe das tensións da cidade; a serenidade da ría da Arousa, que conxuga a beleza natural co cheiro ao mar; as bateas, co prezado mexillón do que xa podería considerarme embaixadora; o agarimo da súa xente; o retrato desde A Curota; o "erizamento" da pel cando canto á Moreniña; as postas do sol ao carón do faro; os baños en Barraña; a gastronomía; os paseos polo monte? En fin, o paraíso non debe ser moi diferente». No ámbito docente, é mestra en Educación Musical e pedagoga; imparte clases de música na ensinanza primaria e música para adultos na Escola de Música do Concello de Boiro, así como cursos de canto noutros puntos da xeografía galega.
-Non vou preguntarche polo apelido porque sei que é autóctono da Galiza...
-Da Galitzia polaca? O barco no que viaxaba o meu bisavó con destino a Bos Aires avariouse, e o destino quixo que iso sucedese fronte ás costas galegas. Desembarcou en Corcubión, onde coñeceu a miña bisavoa; aí comeza a historia da familia Lebedynski. Tiveron varios fillos en Corcubión e despois chegaron á Coruña, cidade na que naceu o meu avó. Son galega descendente dun polaco da Galitzia. Unha mestura que acontece tamén coa música. As músicas conflúen as unhas coas outras, dá igual a procedencia, a instrumentación? O seu valor reside na liberdade para creala.
-Quixen dar inicio in medias res, pero comezamos polo principio?
-Así é.
-¿Considéraste xa unha barbancesa?
-Barbancesa de corazón e cambresa da alma. Síntome como unha cidadá máis do Barbanza, e ben querida por moita da súa xente. Aquí teño a miña vida, parte da miña familia e un feixe de amigas e amigos.
-Es coñecida no eido da música galega como a vocalista de Fía na Roca, pero o teu labor comprende un abano máis amplo que o da interpretación: mestra de voz, composición, arranxos. ¿Non pensaches nunca en facer carreira ti soa?
-Precisamente atópome somerxida na produción do meu primeiro disco en solitario. Quero facelo ben, sen présas. Trátase dun proxecto que leva moito tempo na miña cabeza e que está agora collendo forma. Nesta nova etapa, vou decidida a afondar en terreos musicais que non transitei anteriormente: amosar o meu sentir e conxugar todo aquilo que me rodea e que me fai ser como son.
-Despois dunha certa explosión das músicas tradicional e folk galegas na década anterior, ¿non cres que se está agora nun período de estancamento?
-Na década dos noventa a música galega tivo un punto de inflexión, pois entrou de cheo na rede comercial; podemos dicir que nese intre entendeuse a música con selo made in Galiza como un produto autóctono que se podía comercializar. Os festivais de toda Europa programaron moita música galega, creáronse editoras e discográficas nas que o seu catálogo era 100% de artistas galegos. Foron tempos dourados, mais o que minguou non foron a creatividade e a vontade de facer música por parte dos galegos, senón a industria. A industria do sector é precaria, sempre pendente de axustar ao máximo. Os irlandeses foron quen de facer da súa música un sinal identitario, e así llo venderon ao mundo. Os galegos poderiamos facer o mesmo; a música do noso país pode ter tanta tirada como calquera outra proposta máis comercial, pero ese é un exercicio colectivo que pasa por que os concellos e as institucións apoien a creación, que os medios dean máis cobertura ás iniciativas e, en definitiva, que todo o que se fai teña unha maior visibilidade. Con todo, coido que a música galega de hoxe en día é máis plural que a de hai unha década; existen novas propostas que a refrescan e que fan que avancemos sen caer na redundancia; penso que a nosa música debe pasar polos camiños da fusión, da lusofonía, e da conxugación con outras artes.
-¿De que xeito se poderían mellorar as cousas, no tocante á proxección desta «nosa música»?
-A profesionalización do sector parte dun entramado a nivel institucional. Precísanse centros de formación que xeren actividade, lugares onde a xente poida achegarse á música que facemos aquí, coñecela e estudala. Un vieiro son os espazos de creación para os músicos, idea que se contemplou coa rede de locais Nsaio. Así mesmo, cómpre apoiar a difusión da propia cultura en ámbitos plurais, e non reducila ás feiras gastronómicas exclusivamente. Penso, ademais, que aínda hai que vencer certos prexuízos, como que o galego é un obstáculo e non un elemento diferenciador que nos enriquece. Outra eiva é que, nos medios públicos, a música e a cultura galegas deben ter os seus ocos propios, sen que estes sexan cuestionados en función dos equipos de goberno.