Boiro homenaxeará a Rodrigo Álvarez e Ribeira a Lustres Rivas polo Día da Galiza Mártir

La Voz RIBEIRA/LA VOZ.

BARBANZA

13 ago 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Tanto a Asociación Cultural Altofalante en Ribeira como o Concello en Boiro teñen previsto levar a cabo actos con motivo do Día da Galiza Mártir. Os ribeirenses teñen previsto homenaxear ao xornalista Manuel Lustres Rivas. E, en Boiro, vaise lembrar a Rodrigo Álvarez Gantes, que foi mestre na escola do pósito de Escarabote.

No caso de Ribeira, a Lustres Rivas, que foi asasinado o 10 de novembro de 1936 e o seu corpo apareceu na gabia dunha estrada de Redondela, váiselle homenaxear mañá, a partir das oito e media da tarde nun acto que terá lugar na rúa que leva o seu nome en Santa Uxía. Alí, Xosé Antonio Vázquez, presidente de Altofalante, daralle a benvida aos presentes. A continuación, Luís Teira encargarase de facer un breve perfil do desaparecido xornalista. Posteriormente, haberá unha ofrenda floral preto da placa que leva o seu nome e vaise dar como agasallo unha biografía do homenaxeado.

Sobre las nove da noite, haberá un pasarrúas dende a rúa de Galicia á Alexandre Bóveda, onde en lembranza deste home se fará unha intervención poética a cargo de Antón Parada Bretal. Por último, na compaña dos gaiteiros Pepe Romero e Maño tamén se fará unha ofrenda floral na placa que lembra a Bóveda.

Nacido en Ponteceso

Os actos de Boiro terán lugar o martes, a partir das nove da noite na rotonda de Cimadevila. Dende o Concello informaron onte de que o homenaxeado, Rodrigo Álvarez Gantes, nacera en Ponteceso en 1906. Cursou estudos de Maxisterio e foi destinado a Escarabote. Desempeñou o cargo de concelleiro en Boiro pola Fronte Popular ata o inicio do alzamento militar. O 21 de agosto de 1936 foi destituído de todos os seus cargos, sendo detido posteriormente. O entonces alcalde boirense intercedeu por el e por outros veciños tamén arrestados ante o Generalísimo, pero finalmente todos eles foron fusilados en Santiago no ano 1937.

O rexedor boirense, Xosé Deira Triñanes, pediu a todos os veciños que se sumen a este recoñecemento público «a un defensor da liberdade».