A tenencia de Boiro chegou a ter poder e prestixio en toda a comarca

Carmen Vázquez Dieste

BARBANZA

Os labradores da freguesía tiñan que aportar un día de malla á casa

30 abr 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

O poder que chega a acadar nas terras do Barbanza o cabido compostelán e, de forma máis directa, a tenencia de Santa Baia de Boiro ponse de manifesto en múltiples aspectos analizados en distinta documentación. O máis importante será, sen dúbida, o dominio xurisdicional que obtén cando, arredor do ano 1345, o arcebispo Pedro -probablemente Pedro V- efectúa un cambio co cabido catedralicio. Este cambio consistiu na cesión por parte do arcebispo ó cabido dos coutos de Santa Baia a cambio doutros no bispado de Tui.

Esta cesión non estaría exenta de problemas, posto que no ano 1540 prodúcese un preito entre o arcebispo Pedro Manuel e o cabido pola xurisdición do couto de Boiro, que reflicte a importancia de tal poder. Non hai que esquecer que este dereito, recollido no libro da tenencia, implicaba non soamente a xurisdición civil e criminal, senón tamén o dereito de nomear ó xuíz por parte do tenenceiro, co que isto implicaba. Este xuíz tiña entre as súas funcións a de exercer a «pertiguería», ou o dereito a cobrar un imposto de vasalaxe a cada habitante do couto para o dono da xurisdición.

Outro dereito da tenencia era o «día de servicio de maya», polo que todos os labradores da freguesía de Santa Baia tiñan que aportar un día de malla do cereal na eira da casa da tenencia, e outro de servizo nas terras que a casa da tenencia explotaba directamente en Boiro, e que comprendían unha grande propiedade con viñas, terras de labradío, de pasto e árbores froiteiras. Ademais, os couteiros estaban obrigados a levar á eira da casa da tenencia todos os décimos de trigo, centeo, liño, cáñamo e outras producións. E na mesma eira recollía o párroco de Santa Baia a «tercia parte» que lle correspondía daqueles impostos.

Pero non sempre o pago de impostos estivo exento de polémicas, pois os vasalos de Boiro trataron de opoñerse en repetidas ocasións, como manifesta unha executoria da Real Audiencia, datada en 1518 a favor do cabido, na que se obriga os campesiños boirenses a cumprir co día de malla para o tenenceiro. Non foi este nin moito menos o único intento de opoñerse á forte opresión que exercía a Igrexa, pois atopámonos con litixios contra vasalos por ocultacións e tamén por non querer pagar vasalaxe, como indica unha sentenza de 1558, que obrigaba a estes vasalos de Boiro a asumir os pagos.

Outros dereitos

Outros dereitos da tenencia eran as primicias, a sinecura, ou carga tributaria, e a «luctuosa» ou dereito a cobrar un imposto cando morría un membro de cada unidade familiar. Os tenenceiros tamén gozaban como privilexio da propiedade de todas as sepulturas da capela maior da igrexa de Santa Baia. E así mesmo cobraban unha parte importante dos beneficios da parroquia de Santa Baia, de San Salvador de Comoxo, e a metade dos décimos da freguesía de Cures. A isto hai que engadir todas as rendas e foros das terras que posuía por doazóns dos fieis, que se estendían polos lugares de Fontecova, Cimadevila, Sealo, Mosquete, Loxo de Abaixo, Piñeiro, Coroño, Sandrenzo, Rial, Brión, Pazos, Ponte Goiáns, Abanqueiro, A Boliña, Brazos e moitos outros lugares das parroquias do actual concello de Boiro, que dan idea do poder que o cabido tiña nestas terras nas que competía co señorío de Goiáns.

Pero o seu poder estendíase, incluso, fóra do que eran as parroquias do actual Boiro, pois contaba co «beneficio de presentación», por exemplo, en Santo Estevo de Queiruga (Porto do Son) e San Pedro de Muro.

É importante sinalar que para o control e administración da inxente cantidade de bens que constituían as tenencias -casas, granxas, prados, hortas, bosques, muíños e outras posesións de Boiro e doutros lugares- o cabido establecía que cada dez anos serían inspeccionadas por un cóengo «visitador de hacienda». Ademais obrigaba os tenencieiros saíntes e os entrantes á realización de memoriais sobre os bens que se posuían e grazas ós cales hoxe en día podemos estudar a súa evolución.

Dende a súa orixe, que probablemente sexa na primeira metade do século XIV, a tenencia de Santa Baia foi adquirindo cada vez máis poder e prestixio ata converterse nunha das institucións máis relevantes non soamente no termo municipal de Boiro senón na comarca do Barbanza.