O xurado avoga por perpetuar o premio de historia medieval

José Manuel Sande

BARBANZA

11 abr 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

A Casa de Cultura de Muros foi onte escenario do acto de entrega do premio de Historia Medieval de Galiza e Portugal, que organizan os concellos da ría de Muros e Noia, xunto coas fundacións comarcais e a editorial Toxosoutos, e que este ano recaeu en Jesús Vila Pérez, de Tui, pola súa obra A casa de Soutomaior, obtendo o segundo posto As moedas medievais galegas, da que é autor Ernesto Iglesias Almeida, tamén da vila tudense. No recinto, o xurado, por medio do seu presidente, Carlos Barro, avogou por perpetuar o certame, palabras que dixo ante os alcaldes de Muros e Carnota, que presidían o ilustre acontecemento.

O tamén catedrático universitario destacou o mérito das obras premiadas, ao dicir: «Os dous traballos seleccionados tratan temas pouco estudados sobre a historia medieval. Este premio está a contribuír meritoriamente na investigación universitaria e popular, ao tempo que harmoniza ambas actividades. Toxosoutos e os concellos desta ría teñen un gran mérito ao perpetuar este certame, e dígolles: Adiante con este concurso pois Galicia volo agradecerá», sinalou Barros.

Vivenda nobiliaria

A obra premiada nesta ocasión, A casa de Soutomaior, vén a encher o baleiro existente na historia medieval de Galicia no estudo desta importante saga nobiliaria, aportando nova documentación. No libro, publicado xa por Toxosoutos, dáse unha visión histórica, que vai dende o 1147 ao 1532, sobre a fidalguía en Galicia.

Polo que atinxe á obra clasificada en segundo lugar neste certame, e que tamén está publicada pola mesma editorial, As moedas medievais galegas, o xurado do concurso considerou que a investigación sobre a numismática medieval galega realizada é moi orixinal, pois faise dende unha perspectiva sinxela, relacionando as moedas xa coñecidas coa documentación da época.

O gañador do premio, Suso Vila, destacou na súa intervención os condicionantes que o levaron a facer este estudo e a participar no certame, ao dicir: «Tiven interese por descubrir o morbo que rodea á casa de Soutomaior e a vida de Pedro Madruga. Comprobei a contradición existente entre o publicado ata o de agora e os datos cos que me fun atopando na investigación, e tamén é meritorio para un historiador o dispor dun mecenas que se encargue da divulgación do traballo feito».

Pola súa banda, o representante da editorial Toxosoutos, David González, salientou a transcendencia deste certame, que segundo dixo: «Reflicte a historia rigorosa da Galicia medieval dende a ría da cultura». González Couso rematou desexando longa vida para estes premios, e ofertando a imprenta da editorial para publicar traballos da calidade.