«Non imos permitir que A Unión quede desamparada »

BARBANZA

O colectivo de Cabo de Cruz convocará eleccións en marzo. Aínda que o actual dirixente avoga polo relevo, asegura que non consentirá que a entidade corra perigo

06 feb 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Moderado, partidario do diálogo e entregado á causa asociativa, Benigno Sánchez está involucrado nas dúas entidades que máis peso teñen en Boiro: A Unión, da que é presidente; e a patronal local, na que forma parte do equipo directivo. No colectivo veciñal de Cabo de Cruz, onde tivo lugar a súa aterraxe no eido participativo, o empresario exerce a presidencia desde hai case catro anos e avoga xa pola renovación.

-¿Haberá entón eleccións decisivas na Unión?

-Nun principio, o noso compromiso foi o de estar catro anos á fronte da asociación e este prazo cumprirase no vindeiro mes de marzo, polo que convocaremos eleccións. O que ocorre é que, de momento, cremos que non hai ninguén que estea interesado en coller o relevo. Hai que ter en conta que a responsabilidade de dirixir A Unión é moi grande, xa que ten unha traxectoria de trinta anos e defende os intereses de trescentos veciños.

-¿Foron entón catro anos de traballo intenso?

-Si, pero foi unha experiencia moi positiva, xa que me permitiu coñecer de cerca os problemas que teñen os veciños e tamén o funcionamento das Administracións local e autonómica.

-Pero hai quen ten a sensación de que A Unión perdeu fol con respecto a mandatos anteriores...

-No número de socios, isto non se reflicte, o que ocorre é que nós quixemos levar a cabo un traballo continuísta, controlando proxectos e infraestruturas que viñan de atrás, como a ampliación do peirao ou o centro social.

-¿Era máis reivindicativa antes A Unión?

-Cada directiva ten o seu xeito de solucionar os problemas. Eu prefiro unha chamada telefónica antes de caer na tentación cómoda de exercer presión a través dos medios de comunicación. Creo que non fomos suaves co goberno de Boiro, senón todo o contrario, houbo tensións importantes.

-¿Que pasará se ninguén quere asumir a presidencia?

-Nós non imos permitir que A Unión quede desamparada baixo ningún concepto. A intención é que haxa relevo, porque entendo que é necesario que se incorpore xente nova, con gañas, pero senón, seguiremos.

-Se finalmente se vai da Unión, ¿farao cos deberes cumpridos ou quédalle algunha materia pendente?

-Un nunca ten satisfacción plena, porque sempre hai cousas que deberían funcionar mellor e o Concello non chega a todo, pero o balance dos catro anos é positivo.

-¿Cales considera que son os retos aos que deberá facer fronte a nova directiva?

-Na nosa etapa, continuando co traballo das anteriores directivas, conseguíronse logros importantes, como a ampliación do peirao e o visto bo para a construción do club náutico ou o ansiado centro social da parroquia. Na nova andaina haberá que loitar para xestionar correctamente estas infraestruturas. No caso do centro social, por exemplo, hai que dotar as instalacións de contido, algo que non será doado.

-Preside A Unión, forma parte da directiva da asociación de empresarios, ¿cal será o seguinte paso? ¿Pensa dar o salto á política?

-Non é a miña intención, e ese non foi o meu propósito cando decidín asumir a presidencia da Unión. Iso si, non podo negar que me preocupa a política local, como empresario que son e tamén como cidadán. O que teño claro neste sentido é que, a día de hoxe, non se dan as circunstancias para que poida dar o paso á política.