O papel bioindicador do fieito real

Diego Lema Iglesias

BARBANZA

O paso das sociedades á vida urbanita levou consigo unha perda irremediable do vencellamento á terra que posuían os nosos devanceiros. Moita xente era quen de avaliar os posibles usos dun solo simplemente observando certos elementos da paisaxe. Tamén podían identificar a calidade das augas sen realizar ningún tipo de análise química. A mera presenza ou ausencia de determinadas plantas e animais indicábanlles aos nosos avós o uso que poderían darlle a un determinado acuífero ou rego. Hoxe en día denominamos bioindicadores a estas especies. Un bo exemplo de planta bioindicadora é o fieito real (Osmunda regalis). Así como as bandeiras azuis indican o bo estado das praias, a presenza deste fieito na beira dun río denota a calidade das súas augas.

O fieito real aparece sempre agochado á sombra dun ameneiro, dun bidueiro ou dun carballo en solos ácidos e ricos en materia orgánica. As súas grandes follas, ás veces máis altas que unha persoa de estatura media, fan moi sinxela a súa identificación.

O seu particular aspecto na época reprodutiva, na que semella ter flores, outorgoulle en non poucas culturas antigas a consideración de herba divina, creada polos deuses. Na cultura grega e eslava mesmo se lle atribuían propiedades máxicas, coma remedio para meigallos ou defensa fronte ás escuras actividades dos malos espíritos.

Non obstante, o que os antigos pobos e culturas europeos consideraban flores, non son máis que centros de produción de esporas. Os fieitos presentan ciclos de vida moito máis complexos ca os dunha planta con flor típica que temos nas nosas casas en macetas ou que vemos en calquera recobecho na rúa. En cada un dos ciclos vitais dos fieitos existen dúas xeracións distintas. O que nós observamos e somos quen de identificar é unha das dúas formas, denominada esporófito, debido a que se encarga da produción de esporas. Estas esporas xerminarán máis tarde para dar lugar á segunda forma, o gametófito, encargado da produción de espermatozoides e ovocélulas, as cales se fusionarán para dar lugar a un novo esporófito.

Ademais dos seus usos coma bioindicador, ou mesmo coma remedio contra os diaños, o fieito real pode ser cultivado en invernadoiro. Os seus talos secos poden ser comercializados como o mellor -e carísimo- substrato para orquídeas. Non suporía unha solución á crise pero sería unha forma de pór en valor un recurso natural escaso no contexto europeo pero moi abundante en Galicia.