«Eu quero ser útil; non aspiro a ningún cargo institucional»

Ciprián Rivas

BARBANZA

Nado nos Areeiros (Castiñeiras), Carlos Callón guiouse polos consellos dos seus mestres e fixo Letras puras, acadando praza de mestre en Ribadavia

13 dic 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Carlos Manuel Callón Torres nace o 26 de agosto de 1978 en plenas festas do Carme de Castiñeiras. A súa familia ten casa nos Areeiros, lugar pertencente á parroquia ribeirense, onde os seus ollos ven as primeiras luces. Son catro irmáns, sendo el o máis novo. Comeza os seus estudos no Colexio Sagrado Corazón de Jesús, unha das institucións máis senlleiras da Barbanza no campo educativo. Logo pasaría ao instituto de Coroso onde estuda para administrativo e de aquí deu o salto, apoiado polos seus mestres, para facer letras puras, é dicir Filoloxía Galega e Portuguesa, na Universidade de Santiago de Compostela.

Este ribeirense ten praza como profesor de educación secundaria, na materia de Literatura Galega, no CPI Tomás de Lemos, en Ribadavia, centro que ten nome dun persoeiro -sinala o entrevistado- que «participou no xuízo contra Galileo». Callón é un home novo, con inquedanzas.

-Aínda que vostede é novo, xa ten unha traxectoria política.

-Si, fun o concelleiro máis novo da democracia no Concello de Ribeira, con José Luis Torres Colomer e Manuel Ruiz Rivas, actual voceiro do grupo parlamentario Popular no Parlamento de Galicia. A continuación nomeáronme membro do Consello Asesor de RTVE e logo xa presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, onde sigo. -¿Pero cal é a súa vocación política? -Eu quero ser útil; non aspiro a ningún cargo institucional. Teño a sensación de que A Mesa é útil. Tamén persigo a posibilidade de ter máis tempo para escribir e volver ao ensino. -Desculpe a miña ignorancia, ¿que é A Mesa? -Unha asociación que ten como bandeira a normalización da nosa lingua no noso país. Na actualidade podemos dicir que é a máis grande de Galicia. -¿E que futuro ten? -Agardamos que morra de éxito. Procuramos que se normalice o uso da lingua e que quen queira poida vivir en galego. Como organización, nacemos coa vocación de non facer falla. -¿Por que esa teima da lingua empeza a ser tan común nos barbanceses? -Aí ten razón. Porque temos un presidente da Real Academia Galega, o profesor Xosé Ramón Barreiro, que é de Ribeira, que pronto deixará esa responsabilidade por cumprir co seu mandato e, así mesmo, está Nel Vidal, presidente da Coordinadora de Técnicos de Normalización Lingüística, que é da parroquia ribeirense de Artes. Algo terá que haber para que nos mova o noso amor a loitar para potenciar o uso da lingua galega na sociedade dende o respecto ás outras opcións. -¿Cales son os órganos directivos da Mesa? -A comisión permanente, que se encarga de levar o día a día. Despois está a xunta directiva, composta por vinte membros. Aquí deséñanse estratexias e márcanse plans de actuacións como a última campaña Fas máis falta que nunca . Trátase de sensibilizar do seu uso do galego e evitar que un goberno ande a patadas coa lingua. -¿A Mesa é do Bloque? -Non. Temos afiliados de todas as organizacións políticas. Sendo así, tamén temos nacionalistas. -¿Como se nutren economicamente? -Dos socios, das institucións, das empresas. Ás veces atopámonos con que nos demonizan por pedir axudas públicas. O Tribunal Superior de Xustiza ditou ao noso favor para que o goberno de Manuel Fraga Iribarne nos dera axudas.