«É moi fácil presumir de demócrata en democracia, pero non así nunha ditadura»

Ciprián Rivas

BARBANZA

Home inquedo, Pérez Queiruga, aos seus oitenta anos, aínda xoga ao tenis e acaba de rematar estudos universitarios

29 nov 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Despois da primeira chamada aparece unha figura entre a penumbra para abrir a porta. É de noite. Chove. Pode que San Roque sexa o lugar ribeirense onde menos contaminación luminosa hai. Abre Ricardo Pérez Queiruga (10 de marzo de 1929) cun sorriso que lle ilumina a cara. Naceu no barrio ribeirense do Castelo «onde o mar chegaba á casa» e en plena crise económica mundial: «Penso que esta na que estamos non se lle vai parecer». Está casado con María Teresa Sobrido, nada no Grove, pero veciña de Castiñeiras. Trouxeron á luz nove fillos, un deles finado de pequeno. Mestre, patrón maior de Aguiño, director de banco e político, Pérez Queiruga tivo o privilexio de acadar a alcaldía de Ribeira na ditadura e na democracia.

-Cando chegou ao Concello de Ribeira por primeira vez, ¿que foi o primeiro que fixo?

-Xestionar. Ribeira era un municipio moi amplo con importantes parroquias, pero poucos recursos. O equipo de goberno, que non cobraba nada, dedicouse en corpo e alma a traballar para os seus veciños e íamos conseguindo algunhas cousas. -¿Como era a súa axenda para compaxinar tantas actividades? -Traballaba unha media de 12 horas. Levantábame ás oito e ía para a Caixa de Aforros; de aí, ao colexio Galaxia onde daba clase de 9 a 9.45; ás 10.00, para Aguiño; ás 11.30, recreo e firma de documentación na confraría; ás 12.00, para a escola de novo; ás 13.00, á Caixa ata as 15.00. Volvía de novo para escola. Xa non comía. Ás 17.00, ao Instituto, onde estaba ata as 19.00, e de novo para a confraría. Así uns cantos anos. Nunca lle desexaría a ninguén o pruriemprego. É o peor que se lle pode dar a unha persoa. Pero eran nove fillos... -¿E cando o nomean alcalde segue con ese ritmo? -Non, fun deixando cabos. -Despois de estar á fronte do Concello na ditadura pasou a postularse de novo para o posto xa coa democracia, ¿non foi moito cambio? -Non me sorprendeu. Xa había un desexo xeral de que España adoptase un cambio de réxime para igualarse aos países europeos. É moi fácil presumir de demócrata na democracia, pero non así nunha ditadura. Os meus pensamentos e accións foron as mesmas nun réxime e no outro. Nas primeiras eleccións locais, resultado levou a que se uniran a UCD e a coalición PROA polo que eu fun un concelleiro máis, baixo o mandato de Lisardo Valeiras, ocupando a carteira de Educación. -¿De que obra ou acción está vostede máis satisfeito do seu paso pola alcaldía? -Sen dúbida, da Escola Náutica. Antes todos os rapaces tiñan que ir estudar a Vigo. Conseguir que viñese para aquí produciume unha grande satisfacción e, tamén, podo dicir que a consecución desta obra foi o obxectivo máis complicado que tiven.

-Volve acadar a alcaldía de Ribeira no ano 1987 e entra no Senado en 1989; simultaneou os dous cargos.

-Gustábame o exercicio da política e o partido pensou que como senador podía ser útil para tratar, entre outros, os asuntos de pesca e a defensa do mar. Sempre fun home ligado ó mar. Tamén procurei servir ó meu país e a Ribeira desde esa responsabilidade.

-¿E que me di do seu paso pola Dirección Xeral de Pesca?

-Foi moi importante para min. Todo o que aprendín en Aguiño puiden poñelo en práctica na dirección xeral. Sempre lle estarei moi agradecido a Aguiño e á súa xente. Da miña estancia no departamento pesqueiro saíu a posibilidade de colocar biótopos para protexer a ría e potenciar a pesca selectiva. Fomos a primeira autonomía que os implantou, despois xa viñeron outras detrás. O outro desafío foi realizar a primeira lei de pesca. -¿E por onde ían a súas inquedanzas como deputado no Parlamento de Galicia? -As miñas preocupacións estiveron sempre vinculadas ao mundo do mar. -Seu pai era mariñeiro. -Si, pero eu case non o coñecín. Era fogonero habilitado. Cando se foi para Estados Unidos traballou nas acerías. Ó estalar a crise, el xa estaba enfermo e cos poucos dólares que tiña no peto veu para a casa. Pouco convivín con el xa que aos 17 anos fun para Madrid para facer o servizo militar.