«En Galicia, un actor está case obrigado a ter un traballo complementario»

BARBANZA

O rianxeiro compaxina a creación e a dirección de pezas teatrais co negocio familiar, un establecemento hostaleiro

28 nov 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Coñecido nos eidos audiovisual e teatral a nivel galego, o rianxeiro Pancho Martínez defínese coma un «actor convertido en hostaleiro». A das artes escénicas foi desde sempre a súa vocación, pero frustróuselle, polo menos a medias, cando tiña 18 anos, debido a circunstancias familiares nas que se veu envolto: «A miña nai estaba soa á fronte do restaurante, xa que meu pai estaba navegando, e iso foi o que me impediu marchar a Madrid a estudar arte dramático, que era o meu soño».

A partir de aí, a súa vida sempre xirou ao redor do negocio hostaleiro da familia, pero iso non impediu que Pancho se abrira camiño no eido da interpretación. Lembra que o seu primeiro contacto con este mundo tivo lugar no instituto de Padrón, da man de Bernardino Graña: «El era o meu mestre de literatura e con el empecei a ensaiar unha obra infantil. Foi aí cando me dei conta de que o teatro era o meu».

Martínez pasou despois polo grupo do Liceo Marítimo Rianxeiro e, despois de obter o título de dobraxe, deu o salto ao teatro profesional cando na súa vida se cruzou Roberto Vidal Bolaño, de quen acabou sendo un gran amigo: «Baixo a súa dirección participei na primeira produción da Televisión de Galicia, alá polo 1987, representando un conto de Cunqueiro».

O que veu despois foi xa un non parar en distintas frontes: xornalismo escrito, radio, cine e televisión. De feito, o rianxeiro chegou a traballar en algunha que outra serie a nivel estatal, coma El comisario . Pero, despois de tanto traxín, Martínez decidiu dar un xiro na súa orientación profesional: «Agora estou inmerso no teatro, o que quero facer é escribir e dirixir».

Hai uns meses estreou con Airiños a peza Sempre en Rianxo. O soño do barbeiro , que en maio será representada en Santiago, e en breve recorrerá de novo aos actores da compañía de Asados para comezar os ensaios de Un ollo de vidro. Memorias dun esquelete , unha obra de Castelao que adaptou ao estilo teatral: «Levo vinte anos querendo preparar esta función e agora por fin o vou conseguir».

Dúas obras novas

A maiores, Pancho confesa ter no forno dúas pezas de nova creación. Unha delas xa ten título: Os namorados do Castelo da Lúa . Para escribir esta historia, ambientada no medievo, o rianxeiro está a inspirarse no que é o seu rincón preferido de Barbanza. Os vestixios do Castelo da Lúa permítenlle a Martínez retrotraerse á súa nenez: «Cando eu nacín non había consolas nin nada parecido, entón os nenos dedicábamos as tardes a ir a esta zona a xogar ao fútbol, pero tamén a deixarnos levar polas lendas que os maiores do pobo nos contaban e inspeccionabamos cada furado na procura de tesouros».

Aínda que non dubida nin un intre á hora de afirmar que o mundo das artes escénicas é o que realmente lle atrae, Pancho nunca deixou de lado a hostalería: «En Galicia, un actor está case obrigado a ter un traballo complementario. Hai algunha que outra excepción, pero boa parte de nós temos que recorrer a outra fonte de ingresos para poder sobrevivir».

Pero este rianxeiro non está disposto a renunciar á súa gran paixón, sobre todo despois do éxito que acadou con Airiños: «É un orgullo para min traballar con actores locais e, sobre todo, obter o recoñecemento do pobo rianxeiro. O que pasou co Soño do barbeiro é algo irrepetible».