A asociación barbancesa Ambar prepara o cuarto certame de curtametraxes «Nada sobre nós sen nós»
08 jul 2009 . Actualizado a las 02:00 h.Dende o 1 de setembro e ata o 10 de outubro, a asociación Ambar abrirá o prazo de presentación de curtametraxes para o certame audiovisual Nada sobre nós sen nós. O tema deste ano xira arredor do achegamento ás persoas con diversidade funcional como unha cuestión de dereitos humanos e de cidadanía.
As obras presentadas poderán abordar esta materia dende diferentes xéneros, establecéndose dúas categorías principais de premios; a primeira, para unha curta documental; e a outra, para ficción. A presentación das cintas gañadoras terá lugar en novembro no marco das xornadas do audiovisual que levan por nome Boiro Imaxe 09 e que tamén contan coa colaboración de Ambar.
Idea
A idea de facer un concurso de curtas con esta temática naceu «da necesidade de fuxir dos estereotipos que sufrimos as persoas con discapacidade», afirma Toño Nóvoa, directivo da asociación. Dende a institución consideran que os medios audiovisuais son as ferramentas máis potentes para difundir os dereitos e as formas de ver das persoas con discapacidade, que non coinciden cos tópicos máis estendidos entre a cidadanía.
O lema Nada sobre nós sen nós recolle a mensaxe que pretenden transmitir a través das cintas audiovisuais. «É unha maneira de reclamar a nosa propia voz e que non se tomen decisións nos temas que nos afectan directamente sen contar coa nosa opinión». Incidir sobre a visión de mágoa que ten a cidadanía das persoas con discapacidade e provocar un cambio de mirada nos medios audiovisuais con tanta repercusión nos nosos días, son os dous obxectivos principais do certame que este ano celebra a súa cuarta edición.
Cada ano, o concurso crece en repercusión grazas ao labor da asociación Ambar, que realiza unha ampla difusión local e a través da Internet. Deste xeito, consegue que en cada certame se presenten varias cintas de diferentes lugares de España e mesmo de países do estranxeiro.
Requisitos
A pesar de que o concurso ten moi boa acollida, os organizadores insisten en que soamente pasarán a preselección aquelas cintas que fuxan dos estereotipos de mágoa ou de caridade que adoitan asociarse ás persoas con discapacidade e que, pola contra, serán consideradas as que mellor mostren a estas persoas en situacións correntes ou dramáticas, pero sempre cunha visión positiva e afastada dos tópicos.
De entre as dez obras preseleccionadas, un xurado composto por homes e mulleres vinculados a actividades do audiovisual, dos dereitos humanos e da diversidade funcional, outorgará un diploma e mil euros para as categorías documental e de ficción.
Toño Nóvoa afirmou que dende a primeira edición do certame que tivo lugar no ano 2005, non deixou de aumentar a participación e a implicación dos afeccionados ao audiovisual, o que dá mostra da boa acollida que está tendo a nivel nacional e internacional.