«Imos crear foros de participación para que os veciños poñan sobre a mesa as súas propostas para o PXOM»

La Voz

BARBANZA

03 jun 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Afrontar as dedicacións propias dun Concello non sempre é tarefa fácil, e menos aínda se se fai en minoría.

-¿Está tendo moitas dificultades á hora de gobernar?

-Pois as propias dun goberno en minoría.

-Hai uns meses saíu á luz pública a posibilidade de que o PSOE e o BNG lle presentasen unha moción. ¿Como viviu a situación?

-A verdade é que a vivín coa conciencia tranquila, sabendo que fago o correcto e que se outros non aceptan que o pobo me elixiu democraticamente mediante o sufraxio electoral e deciden presentar unha moción, no seu momento terán que explicarlle ao pobo os motivos da súa decisión.

-¿Como están as arcas do municipio, porque a oposición sempre di que a súa eterna escusa é que non hai cartos?

-A situación que collemos cando chegamos aquí era nefasta, con débedas de case dous millóns de euros solo en facturas a pequenos provedores locais, algunhas das cales tiñan unha antigüidade de seis ou sete anos. Estes cartos aínda non están saldados. O ano pasado levamos a pleno unha partida de case medio millón de euros para empezar a amortizalos pero a oposición non a aprobou.

-¿E cando ten pensado levar os presupostos municipais ao pleno novamente?

-A día de hoxe estou pendente de que se incorpore unha interventora para o concello e logo levarémolos de novo.

-Hai un ano dicía vostede nunha entrevista que un dos seus cabalos de batalla era a aprobación definitiva do PXOM. ¿En que situación se atopa?

-Actualmente estase facendo a restitución do voo cartográfico para obter os planos ás escalas normativas, e complementariamente estou valorando a inclusión da Axenda 21 vinculada ao plan xeral, para que haxa participación cidadá. Imos crear foros de participación para que os veciños poñan sobre a mesa as súas propostas para o PXOM.

-Antes de rematar ¿que será o que lle pida con máis insistencia á Xunta?

-Pídolle á Xunta de Galicia que se acorde de Porto do Son, que desgraciadamente sempre foi o Concello esquecido desta comarca.