Escudos con moita historia

BARBANZA

O Faiado acolle unha exposición fotográfica dos vinte emblemas históricos que se conservan en Boiro

13 may 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Coñecer un pouco máis da historia de Boiro e das familias que deixaron pegada é posible a través da exposición que este mes pode verse no local da asociación O Faiado. Trátase dunha colección de fotografías realizadas por Abelardo Soler Torrente, que captou co seu obxectivo os vinte escudos e brasóns que se conservan no municipio, así como os edificios nos que se atopan.

O que se pretende con esta mostra, que é complemento dun libro, Heráldica en Boiro , presentado con anterioridade polo Faiado, é conservar de algún xeito estes escudos, algúns dos cales están moi deteriorados polo paso do tempo, correndo incluso o risco de desaparecer.

Deste xeito, nas fotos poden verse os emblemas que engalanan os pazos de Agüeiros, Fonteneixe, Goiáns, Quintela, Rivademar, Sandrenzo e A Tenencia; o Portón de Bao, a Granxa de Esteiro e as casas de Borrás, Gabino Dieste, Ricoy e Torrado Fuciños. Nesta última, por exemplo, consérvase en bo estado un escudo dos antepasados de Valle-Inclán.

No seu estudo, Abelardo Soler inclúe os emblemas das igrexas de Santa Baia, Santiago de Lampón, Bealo, San Cristovo de Abanqueiro, San Vicente de Cespón e Macenda; así como o do edificio das Colonias.

Recreacións en cor

A colección de imaxes complétase cunha recreación do esmaltado dos escudos realizada por Ramiro Villoch Herrera. O seu traballo consistiu en engadir, a través de Internet, as posibles cores que podían ter os emblemas na súa orixe, en función da familia á que pertencían.

Posto que a exposición é propiedade do Faiado, xa que lle foi cedida polos seus autores, a intención da entidade é deixarlla aos colexios que estean interesados.

A asociación tamén está a realizar percorridos polos camiños tradicionais. De momento, visitou as calzadas de Brión, Vitres e Cubelo, pero o obxectivo é estender a iniciativa a outros municipios de Barbanza. A primeira fase desta experiencia, que está previsto que se prolongue durante un par de anos, culminará en setembro cunhas xornadas, ás que acudirán especialistas en enxeñería.

Estes percorridos están a realizarse os sábados e todas as persoas que desexen participar só teñen que presentarse ás catro da tarde diante da sede do Faiado, na rúa Fernández Mato.