A maior captura do músico ribeirense Toñito de Poi

BARBANZA

O roqueiro fíxose cun congro que estaba nunhas rochas

07 may 2009 . Actualizado a las 10:25 h.

Ao seu particular currículo de roqueiro e guionista de produtoras televisivas o ribeirense Toñito de Poi engadiu onte un curioso capítulo marítimo. Sen cana, rede nin chalana, o músico arribou á praia de Castiñeiras cun congro monumental duns cen quilos de peso e 1,75 de lonxitude. Os cálculos son aproximados e para sacalos, Toñito usou a lóxica común. El mide 1,71 e tombados os dous ao longo o congro sácalle un «cachiño». Co metro na man mideu 2,15. O do peso foi por estimación de forza.

A súa maior captura chegoulle por casualidade, aínda que ben é certo que, como di a sabiduría popular, atopábase no lugar preciso no instante axeitado. Estaba Toñito de Poi nadando fronte á praia da Redonda cando atopou nas rochas a un tremendísimo peixe solitario que, a simple vista, non parecía ter propietario. Magnetizado pola peza, que posiblemente escapou das redes de algún pesqueiro, aínda que non da morte, Toñito afirma que non dubidou en collela e iniciar o regreso a terra nadando co peixe a carón, coma dous compañeiros.

Como só era incapaz de levantar ao animal en terra chamou a un amigo para que o axudase e xuntos colocárono sobre unhas rochas.

Toñito afirma que xa estaba frotándose as mans pensando en facer o peixe á brasa e invitar a todos os amigos a compartir a súa magnífica captura, pero o seu colega abriulle os ollos: «Díxome que é unha peza excepcional polas súas grandes dimensións». O músico desistiu finalmente de facer comidas e chamou a Protección Civil para que viñera mirar o congro, por si podía resultar de interese.

O caso é que a chegada a terra do fantástico peixe coincidiu co regreso da escola dos rapaces de Castiñeiras, o reloxo xa marcara as tres da tarde, e, claro, o lugar estaba do máis concorrido. Mozos e maiores examinando o peixe que Toñito sacara do mar, e o músico todo contento porque, sen pensalo, chegara á casa cunha peza que lle dará moito que contar.