Ribeira alíase co cine social

Vanessa Lagares

BARBANZA

O ciclo de proxeccións Nfok desenvolverase a vindeira semana con cinco filmes sobre solidariedade e natureza

18 abr 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

NFOK, o ciclo de cine social organizado polo departamento de Cultura e Deporte do Concello de Ribeira dentro do Plan Audiovisual Mar de Cinema, chega á súa segunda edición. Nesta ocasión, as proxeccións, algunhas das cales serán en lingua galega, xiran ao redor de tres temas: solidariedade e cooperación, natureza e medio ambiente e cinema feito en Galicia. Ademais, as películas irán acompañadas de charlas relacionadas coa temática tratada na obra audiovisual.

As conferencias, que serán previas ás proxeccións, estarán impartidas en tono ameno e coloquial polos integrantes de entidades colaboradoras, ben sexan de tipo social, como por exemplo Intermón Oxfam, Unicef ou a Cruz Vermella, ou de carácter cultural como O Faiado 2 e a Asociación Xuvenil para o Estudo da Natureza (Anexa).

Proxeccións

O canonazo de saída de NFOK terá lugar durante a mañá do mércores coa proxección en diferentes centros educativos de Ribeira do documental Y el cine en marcha. Una historia al servicio de los derechos humanos, que está realizado por Amnistía Internacional e narrado por Antonio Banderas. Neste caso varios representantes de oenegués explicaranlles aos rapaces todos os segredos do filme.

Un día máis tarde, e tamén dirixida aos escolares do municipio, pasarase Volando, a lomos de halcones y As catedrais do silencio, dúas películas que teñen á Curota e á serra do Barbanza, así como ás minas da zona como protagonistas e que serán descifradas por persoal de Anexa.

O venres pola mañá, e nesta ocasión para todos os públicos, o auditorio de Ribeira abrirá as súas portas para recibir a aqueles que desexen ver os documentais de tipo social Malta radio, candidato no apartado de mellor longametraxe aos premios Mestre Mateo, e O pintor dos ceos. Aqueles que queiran coller sitio terán que darse présa, posto que o aforo está limitado a 50 persoas.

Pero isto non é todo, xa que o mércores e o xoves haberá pases nocturnos, iso si, para maiores de 13 anos. Serán na aula multimedia, a partir das 20.45 horas. O primeiro dos días, o público poderá ver, despois da correspondente introdución, Y el cine en marcha. Una historia al servicio de los derechos humanos. Os filmes protagonistas da xornada seguinte serán de novo Volando, a lomos de halcones e As catedrais do silencio.