Gulías Lamas recolle nun libro datos que proban a existencia dunha antiga fortaleza no municipio
19 mar 2009 . Actualizado a las 02:00 h.Aínda que se conservan moi poucos restos, en Outes houbo un castelo. Así o demostra no seu libro Xesús Gulías Lamas, que recolle unha serie de documentos que testemuñan a existencia dunha fortaleza esquecida actualmente pola maior parte dos veciños do municipio.
No volume O castelo de Outes e os monumentos medievais de Barbanza , presentado hai uns día na casa de cultura outiense, Gulías explica que os restos que quedan do conxunto están situados nun monte moi rochoso, a uns 350 metros sobre o nivel do mar, á dereita da estrada que une A Serra con Valadares.
Antigamente, a fortaleza estaba integrada por unha torre de pedra alta e outra máis pequena á súa beira, fabricada en granito e encintada con cal. As dúas estaban rodeadas dunha muralla e de varias edificacións. Segundo reflicte o autor, o castelo pertencía á Igrexa de Santiago e foi abandonado a comezos do século XVI.
A partir de entón, a fortaleza converteuse nunha canteira para os veciños da zona. Algunhas das pedras que algún día formaron parte do conxunto arquitectónico están hoxe nas vivendas do lugar do Castelo.
Para escribir esta primeira parte do libro, Gulía serviuse dos testemuños de algúns veciños de Outes, en especial de Antonio Núñez, quen acompañou ao autor na presentación do volume. No acto tamén estivo Jacobo Lamas, director de publicacións de Toxosoutos.
Outros monumentos
A obra complétase cunha segunda parte dedicada aos monumentos medievais de Barbanza. Nela aparecen, por exemplo, as características das igrexas de San Vicente de Noal, San Cristovo de Abanqueiro, Santa Baia de Boiro ou Santiago do Deán.
Do mesmo xeito, Gulías Lamas describe con detalle o pasado e o presente de outros monumentos de gran importancia en Barbanza, coma o mosteiro de Toxosoutos, a torre de Xunqueiras ou o hospital medieval de Noia.
Este volume non é o primeiro de carácter etnográfico que sae da pluma de Xesús Gulías. De feito, o seu interese pola cantería levouno a publicar no ano 2000 o Diccionario do verbo dos canteiros , para o que recolleu as vivencias dos profesionais de Montes, de onde o escritor é natural.
Nesta mesma terra, Gulías investigou lendas e tradicións, o que lle permitiu sacar á luz varios libros. O escritor tamén ten publicado algún traballo de carácter poético, como Versos dos nenos de Montes .