Neixón xa é referente galego

BARBANZA

A calidade dos relatorios e a cifra de asistentes serviron para consolidar o congreso organizado polo museo

26 feb 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

O segundo Encontro Arqueolóxico do Barbanza desenvolveuse o pasado fin de semana no centro de Neixón cun éxito rotundo. A calidade dos relatorios que se puideron escoitar e a elevada cifra de asistentes serviron para consolidar a iniciativa e para convertela nun referente a nivel galego, sobre todo no relativo ao seu interese dende o punto de vista didáctico.

Tal foi a expectación que espertou o congreso que foi preciso incrementar o número de prazas previsto nun primeiro momento e fixado en 140. Finalmente foron 170 os participantes que tiveron a posibilidade de escoitar a ducia de charlas que conformaban o programa. Uns fixérono vendo en vivo aos relatores e, outros, mediante videoconferencia. Pero o centro de Neixón viuse obrigado a deixar fora a cen persoas que chamaron para inscribirse no encontro cando xa estaban ocupados todos os postos.

Os lugares de procedencia do público tamén axudan a consolidar o congreso como unha das citas máis importantes de Galicia no que a arqueoloxía se refire. Ata a localidade boirense de Neixón desprazáronse persoas de diversos puntos da comunidade, destacando a presenza de varios grupos procedentes das provincias de Lugo e Ourense.

Aberto a todos

Tanto dende o Centro de Interpretación Arqueolóxica do Barbanza como dende a Concellería de Cultura boirense, promotores da iniciativa, coincidiron en destacar a importancia que tivo o seminario a nivel didáctico. Argumentaron que en Galicia se celebran outros congresos importantes na materia, pero están dirixidos fundamentalmente a especialistas e non soen abrirse ao público en xeral.

Aínda que todas as conferencias resultaron interesantes, entre as que máis gustaron ao público atopáronse a de Xosé Pedro Rodríguez Álvarez, que falou do asentamento de Atapuerca, un referente a nivel mundial; a de Arturo de Lombera, referida ás primeiras ocupacións de Galicia; e a de Antonio de la Peña, que disertou sobre o papel dos afeccionados.

Os barbanceses que formaron parte do público deste encontro tamén tiveron a posibilidade de coñecer detalles sobre a escavación levada a cabo en Neixón, da que falou Xurxo Ayán; e das intervencións no castro de Porto Baixo, tema que tratou Miguel Ángel Vidal.