O intelectual charlou no Ateneo Valle-Inclán sobre a súa novela «Simeón Pantín, inventor da liberdade»
O Ateneo Valle-Inclán de Ribeira reuniu, o pasado xoves, a decenas de persoas desexosas de asistir á presentación do libro Simeón Pantín, inventor da liberdade. O autor do volume, Maxi Olariaga, mostrou aos que ata alí se desprazaron unha obra na que a vida sen ataduras é a protagonista indiscutible. Ninguén quixo perder a oportunidade de encomiar a forza narrativa que amosa o autor noiés na súa primeira novela.
Por iso, xunto a el estiveron o procurador e directivo do Ateneo, Antonio Arca Soler, e a directora de Toxosoutos, Iria Lago. De feito, foi esta editorial a que lle deu a oportunidade a Olariaga de publicar a súa primeira obra.
Da presentación do autor encargouse o seu colega, Arca Soler, que subliñou o traballo do intelectual como columnista de La Voz. «Aínda que coa poesía é onde este creador se sinte totalmente realizado, non se quedou atrás na primeira obra que escribe en prosa. Esta novela curta ou conto longo, como se queira ver, mostra a creación dun poeta que nos leva a un mundo onírico». E engadiu: «Neste libro fálase dun planeta no que o xénero humano é moi distinto ao actual e o lector encontrarase cunha viaxe literaria que, sen dúbida, o enganchará ata o fin».
Agradecementos
Olariaga non puido comezar a súa intervención sen agradecer a labor de todas as persoas que «están na procura da liberdade». E tamén ofreceu unha mención especial ao Ateneo por acoller o acto. «¡Que mellor reivindicación se pode facer da cultura que falar na casa do gran Valle-Inclán!», exclamou. Ademais, quixo esclarecer a polémica existente pola orixe do escritor galego, argumentando que no dicionario da Real Academia de la Lengua Española atópase recollido que «Ramón María é natural de A Pobra do Caramiñal». A súa cita produciu o aplauso espontáneo dos asistentes.
Olariaga tamén mostrou o seu escepticismo ante as convencións sociais ás que o ser humano se ve atado en moitas ocasións. «Non somos donos de nada nin temos o control de nós mesmos», afirmou.
Ademais, recitou un fragmento de Cien años de soledad e parouse a explicar que, igual que lle pasou a García Márquez con esa obra mestra, el tampouco tiña claro como ía a rematar a historia de Simeón Pantín. A continuación, o narrador noiés fixo un chamamento a rebelarse contra as elites que dominan o mundo mediante a palabra. «Políticos e famosos nos tapan a boca pero en realidade no son libres, as manifestacións dos sentimentos é a verdadeira liberdade», argumentou o escritor.
O xoves houbo tempo para todo no Ateneo Valle-Inclán. Momentos para o recordo, para a literatura e tamén para a filosofía, e todo iso da man dun mestre da palabra: o creador noiés Maxi Olariaga.