Vivir do aire

BARBANZA

DENDE FÓRA | O |

27 feb 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

¿A QUE non sabían que dúas das dez empresas galegas máis rendibles exercen parte da súa actividade na nosa comarca? Pois tampouco se estrañen, pásalles coma á maioría. Aí está parte do mérito das multinacionais. Andar ás caladas, facturar varios millóns de euros, largase para a capital e ala a vivir do aire. E nunca mellor dito porque o caso que nos ocupa é o do grupo Eurovento con parques eólicos en Mazaricos, Carnota e Muros e da súa filial Energea, que tamén ten a sede en terras mazaricanas. Os propietarios de máis dun cento de aeroxeneradores instalados nos nosos montes facturan ao ano máis de 200 millóns de euros. ¿E en que se nota que están aquí? Pois aparte de pagar catro perras a algunha comunidade de montes polo aluguer das fincas e dar traballo a unha ducia de persoas, nada máis. Para tanto carto tampouco parece nada do outro mundo. Mención aparte son as licenzas de obras, porque no tema eólico a Administración andou fina de moito truco. Primeiro os alcaldes foron totalmente compracentes cos promotores destes complexos pensando, non sei moi ben o que, e facilitándolle todo o posible o seu establecemento. A Xunta non se quedou atrás e aproboulles distintos Planos sectoriais que colocaban ás Corporacións Locais coma meras comparsas, cando en realidade son ás que os sofren máis directamente. Total, que liquidan obras millonarias por un puñado de euros. Para colmo, sendo dos que máis electricidade producimos somos ós que menos a desfrutamos. Chega con ver o primeiro día de verdadeiro inverno que marchou a luz en media comarca. O das televisións, ata desanima: en Mazaricos levan meses sen ver determinadas canles ao parecer debido as interferencias que provocan os muíños dun destes parques. ¿Vivir do aire, non significaba outra cousa?