Un documento de gran interese

Francisco Fdez. Rei

AROUSA

03 dic 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

OPortal de ditados tópicos galegos é un documento histórico de enorme interese lexicográfico e sociolóxico. Concellos do Salnés coma O Grove, Vilagarcía ou Sanxenxo contan nese Portal cun bo quiñón de alcumes e xentilicios, mesmo de cantigas populares da terra de mecos e ingleses e cantigas cultas da terra dos lilainos.

Hai alcumes asumidos con orgullo, coma o meco groveiro, ben coñecido dentro e fóra do Salnés; e se cadra algún día os de Carril asumen o de afoghacristos, pero antes o farán os vilagarciáns co de ingleses, termo que en Cambados xa oía de neno, como oía fanequeiros para os de Vilanova e tiñosos para os mecos. Co tempo souben que para os do Grove tiñosos eran os cambadeses (e así se recolleu en Sanxenxo).

Alcumes como carabaos con que en Vilanova designan os da Illa da Arousa ou caliveras en Vilagarcía para os de Vilanova poida que vaian desaparecendo, xunto con formas non despectivas como barreiros para os de Vilalonga, logo de fecharen as telleiras e rematar o escravo traballo de arrincarlle o barro ó mar na enseada da Toxa.

Xentilicios cultos popularizados como grovense, cambadés ou vilanovense permanecerán a nivel oral e escrito, mentres groveños ou tojinos (de La Toja) parece que se foron co vento, se é que realmente existiron.