«Hai un público que ten curiosidade por descubrir as adegas, interesado no viño»

La Voz

AROUSA

Ramón Burdeos considera que, pouco a pouco, a Ruta do Viño do Rías Baixas estase a converter nun reclamo para os turistas. Algúns xa se achegan á comarca polo seu interese polos albariños e cada vez son máis os establecementos que queren formar parte deste novo produto turístico.

-As adegas están cada vez máis preparadas para recibir aos turistas.

-Dentro da Ruta do Viño todas ofrecen visitas guiadas e degustacións, pero ademais moitas contan con outros valores engadidos. Algunhas ofrecen cursos de iniciación á cata, están ubicadas en edificios históricos, ou dispoñen de xardíns ou terrazas con vistas aos espazos naturais.

-¿E hai cada vez máis interese entre os turistas?

-Xogamos coa baza de que somos un destino turístico e de que, cada vez máis, os viños de Rías Baixas son recoñecidos. Hai un público que ten curiosidade por descubrir as adegas. E estamos a observar interese polo mundo do viño. Por iso as adegas apostan por ter departamentos de enoturismo.

-¿E os restaurante e hoteles están interesados en formar parte da ruta?

-O enoturismo non está tan condicionado pola climatoloxía e as persoas que consumen este tipo de turismo xeran máis gastos no territorio. Son dunha tipoloxía social de maior poder adquisitivo e sempre aportan máis valor.

-Pero nesta ruta non se admite a calquera...

-Para estar dentro da ruta todos teñen que cumprir unha serie de requisitos. Están formados por dous bloques, por un lado a vinculación ao mundo do viño de Rías Baixas e por outro a calidade do servizo turístico. Con isto aseguramos que os nosos visitantes teñan unha óptima experiencia turística en torno ao patrimonio do viño da denominación de orixe Rías Baixas.