«Non vou pasar á historia como o alcalde que arruinou o Concello»

Maruxa Alfonso Laya
M. Alfonso VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Aragunde explica que se están tomando medidas para superar a crise

01 oct 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Os concellos arousáns non están a pasar polo seu mellor momento. O alcalde de Cambados é consciente diso pero asegura que o seu municipio non está en situación crítica. «As nóminas témolas aseguradas», explica. E promete que non será el o alcalde que pase a historia «por arruinar o Concello».

-¿Cal é a situación económica do Concello?

-A situación económica non é mala. Tampouco boa. Non me quero consolar dicindo que hai quen está peor. Pero o Concello de Cambados ten un patrimonio de trinta ou de corenta millóns de euros polo menos. E temos un presuposto que, en condicións normais, debería ser de dez millóns de euros. A nosa débeda bancaria é de catro millóns de euros, aproximadamente. Polo tanto son uns datos que calquera empresa pode presentar. Pero o Concello non é unha empresa. Ten que darlle servizos á sociedade e non ingresar polo servizo que presta. Temos a función de servir o cidadán.

-Pero os concellos non cobran o que realmente custan os servizos.

-A lei di que os servizos hai que reingresalos e eu entendo que se faga iso na recollida do lixo ou no saneamento, pero nos servizos sociais e na cultura non podes facelo. E aínda tendo todas esas cargas, creo que a situación económica do Concello non é mala. Porque se pode ter débeda, pero hai que controlala. Se non houbera endebedamento, a xente viviría na ría porque agora hipotécase e merca pisos. O que non se endebeda non fai nada, pero cada un ten que coñecer os seus límites. Non vou pasar á historia por ser o mellor alcalde, porque tiven grandes predecesores, pero tampouco vou pasar á historia como o alcalde que arruinou o Concello.

-¿Que se vai facer para afrontar a situación económica actual?

-Imos facer varios plans de contención do gasto. Xa xubilamos a dúas persoas no concello nos últimos años, e proximamente xubilaremos a dous máis, e non contratamos a ninguén no seu lugar. E iso é unha boa partida. Ademais imos tentar optimizar algún servizo. Aínda o estamos estudando pero é probable que saquemos a concurso o mantemento do alumeado público. Estámolo estudando pero, polos datos que temos, vai ser máis barato que levalo dende o concello. Pero o que non imos permitir é que por aforrar teñamos que dar un peor servizo público. En ningún caso imos subir o salario dos liberados. Somos un dos concellos máis grandes da comarca e un dos que menos liberados temos, e cos salarios máis baixos.

-¿É o momento de subir impostos?

-Non sabemos se o imos facer, pero se o fixeramos tería que ser ridícula a suba. Non creo que sexa o momento de subir impostos e de cargar máis as familias. Por iso se hai algunha suba será mínima de todo.

-¿E vai subir o IBI?

-Non é o momento. Non se subíu en trinta anos, cando había bonanza económica, e quéreno facer agora. Creo que se alguén vai subir o IBI debería facer unha suba progresiva e mínima para non afectar a economía das familias.

luis aragunde rexedor de cambados