Tres colectivos teñen en marcha unha campaña de recollida de firmas
13 sep 2011 . Actualizado a las 06:00 h.A Plataforma veciñal contra o campo de golf da Siradella, o colectivo A Figheira do Meco e o Colectivo Ecoloxista do Salnés decidiron unir forzas, hai cousa dun ano, e coordinar a oposición ao proxecto de construcción dun campo en Feáns. Manuel Domínguez, dende o CES, ten claro que esa iniciativa atenta contra a lóxica e o sentido común. Pero, aínda así, considera imprescindible a mobilización social para abortar a operación. Os tres colectivos teñen recollido máis de 3.000 firmas nunha campaña que segue aberta.
-¿Están satisfeitos?
-Estamos moi satisfeitos, e isto continúa. Estamos contentos non só polo número de sinaturas recollidas, senón pola acollida que estamos vendo na xente. Hai unha porcentaxe enorme de xente que asina sen dubidalo. E houbo moi pouca xente que rexeitase firmar, menos do un por cento.
-Internet está sendo unha ferramenta fundamental na súa campaña, por aí chegaron máis de mil sinaturas...
-Dende logo. E despois está o traballo dos membros dos tres colectivos, que fumos levando follas en papel a reunións ou actos públicos de diversa índole. A recollida clásica, de mesa na rúa, fíxose moi pouca. Neste sentido queremos destacar o traballo feito pola asociación A Figheira do Meco, que son responsables da metade das firmas recollidas, incluso das da Internet.
-¿Que percibiron na xente?
-Percibimos que hai un sentimento amplo, unha conciencia clara, de que un campo de golf non é unha panacea. E de que facer ese campo de golf aí pode ser hipotecar os recursos naturais e paisaxísticos que ten O Grove en aras a uns cantos de serea que non levan a ningures. E logo tamén atopamos moita xente que entende que facer ese campo nese lugar é unha aberración.
-Pero tamén hai quen está a favor. A través da rede, os promotores van recabando apoios de socios potenciais...
-Andan cerca das oitocentas sinaturas. Por moito que me digan que é un maior compromiso, non deixa de ser o mesmo que no noso caso: cubrir unha casilla. Non implica un accionariado nin nada polo estilo, como pretenden facer ver. Por outra parte, un dos argumentos de desprestixio da nosa campaña é que «ven de fóra». E iso non é certo. O groso de sinaturas recollidas son de veciños do Grove e de visitantes do Grove. Gustaríame saber, nese sentido, que porcentaxe de grovenses asinaron a favor do campo de golf.
-Non faltan os que pensan que o afán conservacionista impide o desenvolvemento do Grove.
-Home, se ofrecen 25 postos de traballo directos e moitos máis indirectos, coa que está caendo... Pero esas cifras non son reais, e hai que pensar que con unha actuación deste estilo estase a minar os recursos naturais ao redor do que se está a artellar o sector turístico, con accións como o Proxecto Pío.
manuel domínguez movemento contra o campo de golf da siradella
«Hai unha conciencia clara de que unha instalación así non é unha panacea»