Os Encontros de Carril celebran vinte anos de recuperación do patrimonio do mar
AROUSA
Esta tarde, para abrir boca, desprégase a vela do galeón «Illa de Cortegada»
29 jun 2011 . Actualizado a las 06:00 h.Aínda que a inauguración oficial non será ata mañá ás sete da tarde, cando chegue ese momento xa terá habido un bo feixe de actos arredor do patrimonio marítimo na que será a décima edición dos Encontros de Embarcacións Tradicionais. Tralos actos de Vilaxoán da fin de semana, ao longo dos últimos días Carril asistiu á inauguración de varias exposicións que enriquecerán o programa dos Encontros. Esta tarde, sen ir máis lonxe, abrirá unha nova mostra baixo o título Berros no roncar das ondas, na rúa do Carmo.
Iso será ás sete da tarde. Unha hora despois, no peirao carrilexo, despregarase a vela do galeón Illa de Cortegada, unha embarcación froito do traballo da asociación Rompetimóns. Un bo entrante antes dos pratos fortes que chegarán a partir de mañá.
A programación dos Encontros presentouse onte na Casa Consistorial de Vilagarcía, nun encontro no que se destacou que o certame deste ano servirá para celebrar o vinte aniversario daquel intre no que un grupo de compañeiros decidiu comezar a traballar na recuperación de embarcacións. Comezouse pola lancha xeiteira e hoxe suman xa unha boa flota de barcos grazas aos que é posible coñecer a tipoloxía das embarcacións tradicionais.
Mostra de cultura marítima
Pero ademais de amosar todos os tipos de barcos que lle deron de comer aos mariñeiros ou que serviron de áxil medio de transporte nuns tempos nos que as estradas non eran o que son hoxe, os Encontros de Embarcacións tratan de ser «unha gran mostra da cultura marítima». Neste ámbito, en Carril haberá artesáns que amosarán o seu bo facer; tamén neste contexto se inclúen as exposicións que se prepararon e unhas xornadas técnicas coas que se pretende «marcar un antes e un despois».
Precisamente as xornadas técnicas abrirán o programa de mañá xoves. Turismo e embarcacións tradicionais, un recurso a explotar é o título deste ciclo que se desenvolverá mañá e o venres, organizado pola Consellería do Mar, o Museo do Mar de Galicia e a Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial, co patrocinio do proxecto europeo NEA2.
A primeira sesión terá lugar desde as dez da mañá de mañá na sé do Consello do Mexillón. A segunda, o venres, abordará o regulamento de embarcacións tradicionais, para as que se pretende conseguir un novo estatus. Neste caso o horario de comezo será tamén ás dez da mañá, no salón de actos do Gato Negro de Carril.
Ademais de todo isto, obradoiros, un maratón fotográfico, navegacións, sesións musicais, visitas guiadas ás embarcacións e á illa de Cortegada, presentación de documentais, actividades para nenos ou exhibicións de pesquería tradicional sucederanse nun completo programa que levará aos participantes ata a clausura do domingo, que está prevista para a unhao mediodía, aínda que as actividades continuarán pola tarde.
A organización, da que forman parte a Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial, o Museo do Mar de Galicia, o Concello de Vilagarcía, e a asociación carrilexa Rompetimóns, agarda que preto de 20.000 persoas visiten Carril nos próximos días. Nesta edición agárdase a presenza de máis de 160 barcos tradicionais de diferentes tipoloxías, que chegan desde o País Vasco, Cataluña, Andalucía, Portugal, Francia, Irlanda e, por suposto, de toda Galicia.
O alcalde de Vilagarcía, Tomás Fole, destacou onte na presentación dos Encontros a importancia de protexer a tradición marítima, en especial en Vilagarcía e, sobre todo, en Carril e Vilaxoán. O rexedor pediu desculpas á organización se pola cercanía do cambio de goberno este non foi o suficientemente áxil para apoialos en todo o que se precisaba, e invitou á cidadanía a participar.