«A debilidade maior do señor alcalde é a súa falta de palabra»

s. gonzález, a. garrido VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Pérez atribúe a paralización do plan urbanístico á «covardía» do goberno

13 may 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Media mañá na sede de Bombeiros do Salnés. O xerente do servizo, Miguel Ángel Pérez, senta nun despacho eminentemente funcional. A conversa fai retroceder o calendario a mediados dos anos 90, cando o candidato popular á alcaldía do Grove deixou a corporación e estivo a piques de abandonar a política. «Os anos seguintes a 1995 quedei fóra do Concello; estaba bastante queimado, pero non debeu de selo tanto cando aceptei encabezar a candidatura no 99».

-Un parque de bombeiros semella un lugar axeitado para recuperarse dunha queimadura.

-Esta foi unha oportunidade que me presentaron, e a verdade é que está a ser unha experiencia moi gratificante. Dende o punto de vista organizativo non cambia moito do que é un Concello, porque o consorcio non deixa de ser parte de Administración local. Esta é unha dimensión apaixonante.

-¿E apaga moitos lumes dende aquí?

-Contamos con bos profesionais, en efecto.

-Ben, ¿cal é o motivo que o impulsa para seguir na pelexa electoral?

-Son varios os factores, pero principalmente o servizo público. Sempre estiven vencellado a isto a través de distintas facetas. Antes de ser concelleiro estiven moi metido na malla social e deportivo do Grove.

-Vostedes protagonizaron un salto espectacular, dende tres a oito concelleiros, pero retrocederon hai catro anos. ¿A que atribúe a perda da alcaldía?

-Con aquel paso tremendo conseguimos consolidar a nosa formación como a máis votada en ningunha outra elección no Grove ata aquel momento. Aquel mandato fora moi bo, abonda con lembrar que o accidente do Prestige sucede seis meses antes das votacións. Tamén era a primeira vez que alguén repetía mandato no Grove. En canto á perda da alcaldía, eu achácollo á circunstancia de exercer con responsabilidade a tramitación daquel plan xeral. Estabamos convencidos de que había que intentalo. Os nosos rivais empregáronse a fondo e demostraron que esa parte da política, a de ir á contra, fana razoablemente ben. Pero desvirtuaron aquel traballo e penso que de aí veu o baixón que posibilitou a chegada do goberno cuadripartito. Non soubemos canalizar ben aquel esforzo.

-Un plan xeral que tampouco prosperou nestes catro anos.

-Nós fomos chamados nunha soa ocasión en todo o mandato, e foi precisamente para falar do tema urbanístico logo de empurrar moito dende a oposición. Pero aquilo non valeu de nada, foi unha tomadura de pelo sen máis. A todos se nos enche a boca dicindo que é crucial para O Grove, pero estamos na mesma situación ca no 2007. Para ser o goberno da participación, como tanto anunciaron, a verdade é que non houbo ningunha. A debilidade maior do señor alcalde é a súa falta de palabra.

-Se todos están de acordo en que o PXOM é fundamental, ¿por que non se avanzou neste tema?

-Haberá que preguntarlles aos que agora rematan o goberno. Hai catro anos, eles basearon toda a súa forza precisamente no plan urbanístico, pero non moveron un só dedo. O máis terrible é que nós puxemos á súa disposición os votos incondicionais dos sete concelleiros. Non tiveron valentía.

-¿Non dá a impresión de que, goberne quen goberne, O Grove sempre queda á marxe?

-Eu reivindico os anos de goberno do PP, nos que quitamos moitos proxectos adiante. Pero se hai responsables desa situación, somos todos os políticos do Grove. Sería absurdo achacarllo aos demais e tentar buscar culpables por aí fóra.

miguel pérez candidato do pp no grove

Miguel Ángel Pérez García

11 de abril de 1958, no Grove

Funcionario

Casado, ten tres fillos

Concelleiro por primera vez en 1991, mandato que iniciou na oposición e rematou como goberno. Elixido alcalde en 1999, foi o único rexedor meco que conseguiu ser reelixido, no 2003