«Niso que chaman ??Vila PSOE?? vive bastante máis xente do PP»

s. g., a. g., x. m. VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Vázquez di sentirse orgulloso de ser o alcalde «dun pobo de raza»

01 may 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Manuel Vázquez Vázquez

18 de novembro de 1972, na Arousa

Economista, licenciado en Ciencias Económicas

Convive coa súa parella, ten unha filla

Traxectoria política

Alcalde da Illa dende 1999, lidera a lista do PSOE por cuarta vez

Dificilmente atopará ninguén en ningún outro Concello outro despacho coma o do alcalde da Illa. Amplo, con xenerosa luz natural. O deseño de Gallego Jorreto é, dende a súa inauguración, o lugar de traballo de Manuel Vázquez, un home que se confesa orgulloso da súa xente.

-É vostede o primeiro alcalde electo dende a segregación.

-A Illa é un concello pequeno e daquela estaba todo por facer. Tamén é un lugar moi agradecido. Aínda que a súa superficie é de sete quilómetros, os cinco mil habitantes vivimos en dous quilómetros cadrados, así que calquera cousa que fagas se nota. Coa segregación o cambio foi substancial. En infraestruturas, dende as máis grandes, como a Casa do Concello e o complexo cultural, ata o saneamento integral, que eliminou 19 puntos de vertido ás praias, e quen mellor o saben son as mariscadoras. Vivimos do mar, da acuicultura, o mexillón e o marisqueo. A rexeneración litoral é vital para nós.

-Reclaman vostedes a singularidade do seu municipio.

-As directrices de ordenación do territorio din que somos singulares, efectivamente.

-¿E iso que quere dicir?

-Boa pregunta, porque as normas non o explican. O que pedimos, tanto da Dirección Xeral de Sostibilidade como da Secretaría Xeral de Urbanismo, é que concreten ese concepto. O que é evidente é que somos insulares.

-Ben, pero ¿que significa para vostede esa singularidade?

-Que se definan punto por punto os límites de desenvolvemento do concello, coa protección litoral correspondente. Temos necesidades e temos que procurar ese desenvolvemento de xeito equilibrado entre estas dúas tensións. Creo que todos o demostramos, aprobando por unanimidade o plan xeral e outros documentos asinados por case todos os colectivos.

-Pensaba que se refería, se cadra, a esa idea de aldea gala que ás veces se asocia á Illa...

-A Illa é un lugar de xente humilde, traballadora e moi loitadora, un concello feito a si mesmo ao que ninguén regalou nada. Se por iso somos unha aldea gala, perfecto. Eu estou moi orgulloso de ser o alcalde da xente da Illa, do traballo, da unión, da solidariedade que se demostrou en días especialmente graves coma os do Prestige.

-Falando de unión, ¿é posible un acordo co BNG?

-Depende. Hai compoñentes de ambas formacións que se levan ben, outros non tanto.

-Seica van montar un Alcampo no continente.

-A súa situación é estratéxica. Cando o mar vai ben, nótase porque somos xente consumidora. Tamén os comercios de Vilagarcía viven en parte da xente da Illa. Non parece lóxico que un centro comercial coma ese poña en perigo o pequeno comercio, que é o que realmente dinamiza as vilas.

-Durán quixo Os Xidoiros.

-Se mirades a hemeroteca daquela época veredes que foi unha forma intelixente de desviar a atención.

-Se mira a ponte, ¿vea medio alumeada ou medio apagada?

-A metade de Vilanova non a podes ver nin media acendida. Son teimas de Gonzalo [Durán, alcalde de Vilanova].

-¿Que lle ven á cabeza ao escoitar o de «Vila PSOE»?

-Moita rabia. A urbanización aprobouse por unanimidade, sendo o seu promotor un ex alcalde do PP, con todas as autorizacións asinadas por distintos persoeiros do PP que gobernaban a Xunta. Rueda tiña os datos. Foron calumnias e hipocrisía. E, por certo, niso que así chaman vive bastante máis xente do PP. Dáme moita rabia non poder poñer un cartel ben grande con letras douradas.

manuel vázquez alcalde de a illa e candidato á reelección polo partido socialista