Diego Xelmírez non será beatificado e a culpa vaina a ter Porviso, que ten bo lombo. Unha tese recente do Departamento de Historia Medieval do Trinity College de Dublín déixao patente. O autor é neto dun de San Vicente, un algo tantariñas, que por telo pelo vermello marchou a Irlanda, dicía el, para estar onda os seus ao ser descendente de Eric o Roxo, quen, iso é certo, antes de descubrir Grenlandia, andara polo Castriño varios veráns; fai vida en Dublín e aparece por aquí pola Festa da Malla, el e mailo neto, cuspidiño en roxo e pencado; non saen da Punta do Castelo porque din que a verdadeira Pedra do Destino ten que estar alí. Este traballo do neto do Roxo, por certo: cum laude, non será publicado nunca en Galicia ao demostrar que un dos nosos heroes nacionais, Diego Xelmírez, era pirata, armador pirata e que Fuxón de Pisa viña sendo, sen dúbida, un heterónimo de Porviso. O prelado, necesitado de fondos para a construción da Catedral, coa escusa de entrárenlle de seguido pola Arousa mouros e normandos a saquealo que topaban, mandou armar tres galeras e, como precisaba un esperto mariño, acudiu á boca da Ría a preguntar polo máis sabedor. Porviso presentouse, co nome de Fuxón, como mestre da aixola e piloto natural de Pisa e nomeáreno Capitán do Mar Maior con facultades para arrasar aos pobos que puidese, do Miño cara abaixo, mouros todos. O Arcebispo tirou tanto proveito que pediu a Afonso VII, que os outorgou, títulos nobiliarios para o congro: conde do Castriño e barón de Cuazos e, ademais, Xelmírez concedeulle a honra de que as campás do señorío da Lanzada repenicasen a gloria no aniversario de Porviso que, casualidades, coincidía co del. A tese doutoral afirma que a Porviso pagárenlle no 1136 con tres foles de moedas da ceca compostelá e demostra que o estafaren, pecado agora e daquela: as moedas ese ano xa non valían; unha delas topouse no Adro Vello, porque Porviso ciscounas por alí co cabreo. Deste estado de ánimo, claro, non fala o doutorando.