Cerezo Osaka, Real Madrid e Espanyol súmanse ao Inter no cartel da fase final do AF7

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

17 feb 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

A organización do Torneo Internacional Alevín Arousa Fútbol 7 avanzou onte a primeira gran tanda de equipos que lucirán no cartel da vindeira fase final da cita vilagarciá, que este ano se disputará o 27, 28 e 29 de maio. Confirmada a finais de xaneiro a participación do vixente campión, o Inter de Milan, primeiro conxunto convidado en aceptar a invitación dos responsables do AF7, Real Madrid, Espanyol e Cerezo Osaka veñen de dar o si definitivo á súa presenza como aspirantes a arrebatarlle o cetro ao gran club italiano.

Co Real Madrid e co Espanyol o campionato asegúrase a participación da metade dos seis últimos gañadores do título.

Fixo do torneo desde a súa estrea na Lomba en 1999, o cadro merengue ergueu por última vez o trofeo do AF7 no 2005, converténdose deste xeito en tetracampión logo de impoñerse sucesivamente nas edicións de 1999, 2000 e 2001. O ano pasado o Real Madrid tívose que conformar coa vitoria na final de consolación, que lle gañou precisamente ao Espanyol.

O equipo da Cidade Condal, pola súa banda, levouse o gato á auga no partido polo título da edición do 2009, co Valencia coma contrincante. Na súa media ducia de actuacións no AF7, ao que acode puntualmente desde a súa primeira comparecencia no 2005, o Espanyol loce tamén sendos terceiros postos nas fases finais dos anos 2006 e 2007.

Se Real Madrid e Espanyol proporcionan, coma o Inter, grandes doses de glamour, a confirmación do Cerezo Osaka asegura a nota de exotismo que hai un ano abría no rexistro da gran cita deportiva arousá o tamén equipo xaponés Omiya Ardija.

O camiño aberto polo cadro da cidade de Saitama ten continuidade da man da canteira doutro club da máxima categoría do fútbol profesional nipón. Un dos varios que amosou o seu interese por xogar o AF7 aproveitando a conexión nacida do ofrecemento no 2009 do entón segundo adestrador do Paris Saint Germain, axente de xogadores do país do sol nacente e colaborador de clubs daló, o xaponés Kazuhide Oguri, de xestionar o desembarco do balompé asiático no campionato.

Procedente da terceira cidade máis poboada de Xapón, con 2,7 millóns de habitantes, o Cerezo Osaka tivo a súa época de gloria entre 1968 e 1980, con catro campionatos xaponeses e tres copas do Emperador no peto. Equipo ascensor desde a creación da actual división de honra profesional nipona, quedouse sen o título do 2005 na derradeira xornada de Liga. Como o Omiya, o Cerezo Osaka disputará o AF7 tras acceder a pagarse os billetes de avión, cuxo custo resulta inasumible para a organización do torneo. Esta agarda que o novo cadro nipón ofreza un espectáculo semellante ao do Omiya, que se gañou o favor do púbico da Lomba e finalizou sexto.