As portas do inferno

X. A. Ochoa

AROUSA

28 nov 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Calquera ten oído que as augas da Toxa saen, case do medio do mar, tan quentes por naceren dunha canle que descorre a rente do inferno e que teñen propiedades curativas porque tamén se sabe que o demo e os seus conxéneres son inmortais. Porviso cando o averno estaba á vista, porque entre Ons e Sálvora non había auga, botara alí unha temporada por mor do frío e do reuma.

Desa estancia quedáronlle catro cousas. Por unha banda o do cambio de substancia: se precisa andar por terra, rato e cando ten que nadar, congro; aínda que ao tratarse de cousas do amor é quen de transformarse en xograr; por outro lado é inmortal: pegóuselle do demo, aínda que hai quen di -Alonso Montero, Lingüística de cautela..., 2007- que el tamén é trasno, digamos disidente; a terceira característica é o rabo, rabo de diaño que cada sete anos medra un centímetro; a última, o ánimo concupiscente, propio da xente condenada, que se manifesta moito na Lanzada, sobre todo nos solsticios, o intre no que máis se pode achegar a xente á estrema do inferno e aí está que é cando hai mulleres que se deitan a esperalo paso das Nove Ondas ou ás beiras da Cama da Santa.

Agora ponse en dúbida o da existencia do inferno pero aos de por aquí que non nos veñan con contos que ben sabemos onde está: nun triángulo que vai de limpo, con vértices no Sinal de Balea, no Colmado e en Zacarías, que, ademais, queda inscrito noutro triángulo maior formado polas bocas do inferno. Tres portas, todas por terra, xa que ao diaño non lle presta mollarse cando vén dar unha volta, quentiño como anda: unha, pola cova de Salvareiros, en Sálvora, por onde foxen máis almas; outra polo Burato do Inferno, en Ons, por onde se oe a zoeira dos falares do abismo; e a terceira pola Coviña do Inferno, en San Vicente, onde se ve a pedra vermella de achegarse ó lume. Aquí Porviso procreou ao primeiro Mariño de Lobeira nunha serea. Non o contou, pero saber, sóubose.