Vilagarcía fala portugués y baila flamenco

María Santalla VILAGARCÍA/LA VOZ.

AROUSA

Unha delegación arousá viaxou a fin de semana á localidade lusa de Santarém para promocionar a cidade como destino turístico

04 nov 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Unha terceira parte do turismo que chega a Galicia faino desde Portugal. En Vilagarcía teñen este dato moi presente e por iso tentan mimar de xeito especial o país veciño. A pasada fin de semana unha delegación de políticos e hostaleiros da capital arousá viaxaron a Santarém, unha localidade situada a oitenta kilómetros de Lisboa, para darse a coñecer na Feira Nacional de Gastronomía que desde o día 16 ata o 31 se celebrou nese lugar.

Xosé Castro Ratón como tenente de alcalde e concelleiro de Cultura, Rosa Abuín como concelleira de Turismo, e Roberto Gerpe, Andrés García e Julián Domínguez representando ao sector da hostalería viaxaron o venres ata a cidade lusa para iniciar un labor promocional que acadaría o sábado un ritmo máis intenso ao celebrarse o Día de Galicia e ser Vilagarcía a localidade invitada. A presenza arousá incríbese no marco da colaboración que cada ano se establece entre a feira lusa e o certame Xantar, de Ourense. Precisamente representantes de Xantar e tamén da Fundación Amigos de Galicia participaron tamén nesta acción promocional.

Por suposto, nun certame culinario coma o de Santarém a boa gastronomía converteuse na protagonista case absoluta. O venres foi a delegación galega a que tivo ocasión de probar os pratos típicos nesa zona do Ribatejo, pero foi ao día seguinte cando Galicia puido amosar a súa boa mesa. Igual que ocorreu en Arousa esa mañá, cando a auga volveu poñer en alerta a moita xente, tamén en Portugal amaneceu chovendo. Se cadra foi por iso polo que o público tardou en achegarse ata a Casa do Campino, o edificio nobre onde se organiza cada ano, desde hai trinta, a Feira Nacional de Gastronomía e onde, o resto do ano, funciona unha escola de hostalería.

Con todo, só fixo falta que o aroma anticipase a proximidade das ameixas para que o o patio onde se servía o aperitivo se enchese de xente. Vilagarcía quería deixar unha impronta especial nesas terras da ribeira do Tejo (Tajo a este lado do Miño) e para iso nada mellor que unhas boas ameixas de Carril que, malia as reticencias iniciais por parte dos inspectores sanitarios portugueses, que desconfiaron dun produto que xa chegaba preparado, desapareceron axiña dos pratos dos comensais. Para acompañar o manxar máis representativo da capital arousá levouse viño albariño das marcas Martín Códax e Loairas.

Despois, no xantar oficial, foi o chef Vicente, do restaurante Mariñeiro, quen preparou unha boa mostra da gastronomía galega: caldo, polbo á feira, vieiras, rodaballo e cordeiro, para pechar cunha tarta de Santiago e unha queimada co seu esconxuro e todo. Cando os comensais tiveron os estómagos ben cheos, Castro Ratón aproveitou para invitalos a achegarse a Vilagarcía e comprobar a razón que trouxo aos romanos ata Galicia, que non foi outra, ironizou o concelleiro, que a boa gastronomía destas terras. Pero non só iso, senón que a capital arousá, engadiu, ofrece tamén a opción de gozar do sol e da praia.

Unha promoción, a que Vilagarcía fixo en Portugal, que semella oportuna. Porque se dentro da Casa do Campiño todo o mundo parecía ter claro onde está e que é Galicia, fóra dese entorno a presenza galega segue sendo saudada con ritmos flamencos. Claro que para desfacer ese engano tamén se desplazou ata Santarém o grupo Nós de Sobradelo, que deixou moi claro como soa a música tradicional galega.