A longa historia dunha biblioteca

Jacobo Domínguez VILAGARCÍA/LA VOZ.

AROUSA

A Casa dos Fraga que o Concello de Cambados acaba de inaugurar ten moito que contar, pois este lugar foi un convento, unha escola, un teatro e ata un cárcere

24 oct 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

A nova biblioteca municipal de Cambados ven de abrir as súas portas na antiga Casa de Fraga, un bonito predio rehabilitado de finais do século XIX, ocupando os terreos nos que durante séculos erixiuse o convento franciscano da Purísima Concepción. Del conservamos a día de hoxe a súa igrexa, actual parroquial de Santa Mariña Dozo, e restos dos seus muros por múltiples lugares da vila. Mantíñanse tamén, ate fai pouco, as denominacións da costa do Convento -actual Padre Peña- ou o da escola do convento , na que tantas xeracións de cambadeses tiveron contacto coas primeiras letras. O convento de Cambados foi estudado por Cotarelo Valledor na década de 1920. Tirando del e doutras fontes documentais espalladas por diversos arquivos podemos coñecer a evolución do convento e as funcións que o edificio e o seu fundo tiveron ao longo dos séculos.

A orixe do convento hai que remontala ao establecemento en Cambados de «tres frailes descalzos de la isla de San Simón», que en 1576 asentáronse nos terreos que o párroco de Lois, Rodrigo de Lamas, lle cedera para constituír unha comunidade relixiosa, non sen a oposición do párroco de Santa Mariña Dozo. Mais o principal impulsor da construción foi o matrimonio de Vilaxoán formado por María Pérez e Xoán Daval, financiando boa parte da obra, chegando incluso a traballar coas súas mans segundo relatan as fontes da época. Dito convento foi finalmente bendicido en 1586 por un bispo irlandés, xa baixo a orde franciscana. A obra remataría dous anos despois.

Segundo Cotarelo o edificio do convento ocuparía un cuadrilátero duns 40x35 metros e estaría adxunto á fachada sur da actual igrexa parroquial. Para facernos unha idea a nova biblioteca sitúase hoxe aproximadamente no espazo que ocupaba o claustro monacal. Tiña planta baixa e primeira. A porta principal daría ao adro da igrexa. Tamén se sinala que parte dos muros da sancristía e dos locais parroquias -antiga escola-, poderían ser restos dos muros do antigo convento. Pero a propiedade non se cinguía á igrexa e ao cenobio. Posuía unha gran horta con árbores froiteiras e unha importante carballeira. Viña ocupando o espazo que delimitan as actuais rúas San Francisco, avenida da Pastora e Os Pazos.

O convento estaría en activo durante un cuarto de século ate que en 1835, durante o proceso de exclaustración do clero regular e desamortización dos seus bens trala caída definitiva do Antigo Réxime, pasará a ser un dos 900 suprimidos polo Decreto do 27 de xullo. Nese mesmo ano, o 7 de outubro, abandonan as instalacións dúas decenas de frades que aínda alí residían acadando nova residencia no convento de Herbón.

Deste xeito o inmoble pasará a acoller novas funcións e sufrir diversos procesos desamortizadores. Entre os novos usos dados inmediatamente despois da saída dos relixiosos será o de cuartel das Milicias Urbanas, concretamente do Primeiro Batallón do Salnés comandado polo Marqués de Montesacro. Tamén establecese nas antigas dependencias do convento o cárcere. No ano 1837 comeza o proceso de subhasta dos terreos pertencentes ao extinto convento, «huerta, limonero y arboleda», indo a parar ás mans do comerciante da Ulloa Lorenzo María Fraga, asentado facía anos en Cambados e que viña ocupando un lugar destacado dentro do Concello. Será unha importante figura no eido político social cambadés iniciador dunha notable estirpe de políticos e letrados, que formarían parte da elite vilega durante a Restauración e primeira metade do século XX.