«Camilo era un home alegre, aberto e campechano, non era como se vía na televisión»

La Voz

AROUSA

Nos anos 90 Manuel Suárez abandonou a música polo arquivo municipal de Vilagarcía. Pronto se converteu no seu responsable, e os moitos documentos que alí habían recobraron a vida a través dunha necesaria organización. Un labor que facilitou tamén o redescubrimento da Carta Puebla fundacional de Vilagarcía, do ano 1.441, o documento máis antigo do arquivo. Retirado por Fermín Bouza Brey para a realización dun estudo miotos anos antes, as pesquisas de Suárez permitiron o retorno da esquecida Carta Puebla á capital arousá.

A súa profesión e o seu cargo no arquivo municipal fan de Suárez unha enciclopedia da historia local. E un descobre falando con el curiosidades como que Rubiáns gozou de condición de Concello en 1835, ata que a nova figura municipal se consolidou ao ano seguinte, e Rubiáns quedou incluído no termo de Vilagarcía.

Pero o que máis apaixonou sempre ao ex arquiveiro municipal é o mundo do tren. «De pequeno sempre andiven con libros da familia, na que había ferroviarios». O que nunca se imaxinou é que esa afección lle permitiría coñecer e trabar unha fonda amizade con todo un premio Nobel de literatura. Camilo José Cela, neto do impulsor da primeira liña de ferrocarril galega entre Cornes e Carril, John Trulock, «escribira nun diario de Madrid que a primeira locomotora que funcionara nesa liña fora A Sarita. Eu escribínlle ao diario dicindo que o dato era erróneo, e que só facía falla fixarse na praca de fabricación da máquina. Cela púxose en contacto comigo e díxome que me quería coñecer». Eran mediados os 80, e o comezo dunha sincera amizade.

Cela contou con Suárez para montar o museo do ferrocarril da Fundación Cela, en Padrón. Alí cedeu o vilagarcián numerosos documentos e material do valor, por exemplo, dun tapiz co escudo de Vilagarcía en relieve, a cruz de Santiago detrás e unha lenda co nome orixinal da compañía do avó de Cela que construíu o ferrocarril Cornes-Carril, e que un tío de Suárez mercou en Madrid na Guerra Civil a unha muller que ía vendelo nunha casa de subastas». Por iso, Suárez está en contra do traslado do material da Fundación Cela fóra de Padrón, onde o Nobel quería que estivese, barallado pola Xunta.

O noso vilagarcián rexeita a imaxe pública de Cela. «O meu amigo Camilo era un home alegre, aberto e moi campechano. Moi humano. Non era nin moito menos como se vía na tele». Falecido o Nobel, Suárez centrouse en conseguir para Vilagarcía un museo do tren. Co museo en marcha, agora trata de traer a locomotora e o vagón comprometido entre o Museo Nacional e Javier Gago, no limbo desde o cese deste na Alcaldía.