Miguel Dios atópase ultimando os detalles da vindeira festa do verán que se celebra na Illa, a do polbo, que organiza unha vez máis o Céltiga, club de fútbol que preside Martiñán. Os stands de degustación abrirán, tanto mañá como o domingo, dende as 11.15 horas até as 16.30 horas, pola mañá, e de 19.15 horas a 22.15 horas, pola tarde.
-¿Cantas racións haberá na festa do polbo durante esta fin de semana?
-Calculamos que arredor de 4.800, posto que cada quilo dá dúas racións e temos máis ou menos 2.400 quilos.
-¿Que distintas formas de preparación terán estas racións?
-Haberá diferentes formas de degustar o polbo este fin de semana na Illa. En empanada, á brasa, á vinagreta, en salsa vermella, con patacas (o que nós lle chamamos estilo á Illa). Ademais tamén haberá polbo á feira, que é sempre o máis demandado. A este tipo de preparación destinaremos arredor do 60% do polbo. Os organizadores e voluntarios cociñaremos o resto do polbo, pero as encargadas de preparalo serán cinco persoas do Carballiño.
-¿Como foron as festas que fixeron durante todo o verán?
-Moi ben. A verdade é que forno mellores que outros anos. Houbo fins de semana de ata 8.000 persoas. O volume de tapas vendidas aumentou moito en todas elas. Na única na que notamos descenso foi na do fin de semana pasado, pois cadrou con fin de mes, ademais de que moita xente rematou xa as vacacións.