O músico cambadés Xaquín Xesteira actuará o venres no National Concert Hall de Irlanda

Carolina Laya VILAGARCÍA/LA VOZ.

AROUSA

A orquestra sinfónica da Radio Televisión Irlandesa ofrecerá o próximo venres un concerto no National Hall de Irlanda para o cal contará coa colaboración de distintos artistas entre os que destaca o músico cambadés Xaquín Xesteira, que se encargará de tocar a gaita e o whistle.

Ademais do artista-mestre cambadés, neste recital co que a agrupación pretende render homenaxe aos tesouros musicais de Irlanda, participará o tamén galego Rodrigo Romaní, que se encargará de tocar a harpa. Xunto a eles intervirán tamén distintos cantantes irlandeses, bailaríns e instrumentistas que se unen á orquestra baixo a dirección do titular David Brophy. Bill Whelan, compositor e gañador dun Grammy coa súa composición Riverdance e arreglista de U2, será o invitado especial.

Con esta actuación, o fundador de Treixadura, que no seu tempo libre participa xunto coa asociación cultural e deportiva Unha Grande Chea, dá un paso máis na súa longa e prolífica carreira musical, pasando así a considerarse como un dos mellores gaiteiros da actualidade.