Ovos fritidos e tinto Barrantes para mollar o pan de millo a próxima semana en Ribadumia
AROUSA
O sábado día 7 celebraráse na Carballeira de Ribadumia a Festa do Pan do Salnés. Esta cita gastronómica, que vén avalada polo éxito das edicións anteriores, contará con 2.400 ovos fritidos como novidade este ano, que se sumarán aos 400 quilogramos de pan de millo.
Salomé Peña, alcaldesa do municipio ribadumiense, explicou esta decisión aludindo a que «os ovos son un produto típico, e os fritidos acompañados do pan de millo son un prato tradicional e moi coñecido».
A festa, que será pola tarde, comezará coa recollida dos postres e empanadas que se presentarán a concurso para logo, acompañados dunha alborada, saír cara os Muíños de Batán a moer a fariña. Unha vez feito isto volveráse á Carballeira de Ribadumia, onde se abrirán os postos de venda e onde se mostrará como se amasa e se elabora o pan de millo.
Despois de coñecer o nome dos gañadores dos concursos, haberá unha cea de confraternidade na que o pan de millo será de balde. E, coma sempre, a noite pecharase cunha gran verbena que comezará ás 23.00 horas.