«A cultura marítima galega é a que ten o potencial para ser un referente»

Roi Palmás
Roi Palmás VILAGARCÍA/LA VOZ.

AROUSA

O presidente da Federación Galega Pola Cultura Marítima e Fluvial defende que este colectivo recupera e sostén un complexo entramado cultural e material único no mundo

24 jul 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Que Galicia é un referente e un modelo a copiar en materia marítima hai xa bastante tempo que todos o tiñamos claro. O que ocorre é que moitas veces pecamos de modestia. A ollos dos foráneos somos un exemplo que non son quen de emular e segundo os momentos «somos bastante paspáns» por non crer decididamente nelo.

Esta aseveración parte directamente do pensamento do presidente da Federación Galega Pola Cultura Marítima e Fluvial (FGPCMF). Víctor Fernández lidera actualmente este colectivo, con sede fixa en Cambados, e que conta cun espeso entramado de asociacións e voluntarios -máis de medio cento de agrupacións- que fan posible a aposta pola recuperación e exaltación desta cultura en todos os seus planos. Dende as lendas ou os mitos ata o arduo e laborioso traballo de reflotar barcos históricos ou réplicas que ían ser pasto dos ceminterios de navíos.

Actualmente o parque marítimo e fluvial do que dispón a federación ascende a 200 embarcacións tradicionais. Delas, a meirande parte corresponde a naves de pequenas dimensións, pero que a ollos do seu máximo responsable «son igual de importantes que as máis grandes».

O epicentro de acción desta federación está situado na provincia de Pontevedra. A razón histórica deste feito reside na política de subvencións posta en práctica pola Xunta -dende o ano 1993 ata o 2000- e pola Deputación -dende o 2000 ata o 2008-. Ademais hai que engadir o feito de que nesta parte existe un forte e profundo apego a todo o que teña que ver co mar, sexa cal sexa a súa manifestación.

Nembargantes, toda Pontevedra, e por extensión, toda Galicia, «somos o exemplo a seguir», presume Víctor Fernández, que sentencia que «a nosa cultura marítima é a que ten o potencial para converterse nun referente auténtico».

Os que máis miran cara nós son «vascos e cataláns» entre outras cousas porque «admiran o noso modelo asociativo, que é líder en toda a Península». De feito, a federación que el preside aglutina tamén a algún colectivo do norte de Portugal, dado que no país luso non existen este tipo de servizos.

Falta lexislación específica

Unha das grandes batallas na que está inmersa a FGPCMF é a de procurar unha lexislación específica que regule este tipo de embarcacións. O tema foi levado xa ao Parlamento e implorouse «unha enmenda para que haxa unha regulación propia, xa que están sendo consideradas como iates e barcos de lecer, cun IVE do 18%».

O gran problema é que adaptar e reflotar un destes navíos para actividades e concentracións da especialidade é realmente prohibitivo na maioría das ocasións. Habitualmente tárdanse tres anos en poder resucitar unha destas xoias do pasado. «No primeiro, trabállase en recuperar o casco, no segundo o motor e a maquinaria e xa no terceiro, as velas». Adoitan ser barcos de máis de medio século e moitos deles xa viviron en diferentes centurias.

Remonte do Ulla

Hoxe é unha data especial. A federación lidera a primeira edición da Cocentración de galeóns A Rabandeira, xunto coa asociación do mesmo nome. É a proba de lume. Máis dun cento de tripulantes remontarán o río Ulla dende Vilanova ata Catoira nunha xornada de navegación para a lembranza. Navíos de diferentes tamaños porán a nota de cor nun proxecto que entronca directamente coa ruta xacobea que unía Arousa con Pontecesures. Desta volta non se poderá facer a travesía completa porque os mástiles tocan no alto da ponte catoirense.

Nembargantes, esta posta en escea estará á altura doutras citas con moito máis renome e moitos miles de euros máis de márketing (como a Volvo Ocean Race ou a Cutty Sark). A este respecto, Víctor Fernández defende que «tamén nestas citas somos nós, as embarcacións tradicionais as que dinamizamos a xornada» e quéixase de que «cun orzamento realmente moi reducido somos quen de dar comida e albergue a centos de tripulantes». Como mellor exemplo disto pódese establecer unha sinxela regra de tres: «por cada euro que invertimos nós nunha organización deste tipo, as administracións acaban gastando, por algo semellante, entre cinco e dez euros».

Quizais ainda temos moito que aprender doutras culturas marítimas. Quizais ainda temos moito que ensinarlle ao resto do planeta, pero o que está ben ás claras é que o traballo na sombra de carpinteiros de ribeira, de maestros veleiros e de amantes da náutica permiten seguir presumindo destes tesouros.