«Nos preocupan os nenos, que non teñen culpa de nada»

S.L.L. VILAGARCÍA/LA VOZ.

AROUSA

Suso Busto non para de facer contas. O número de beneficiarios de Amigos de Galicia non deixa de medrar, e na actualidade son xa 12.000 persoas as que reciben axudas da entidade. -A situación non semella esperanzadora, ¿non si? -Non, e isto vai a peor. Esta semana tivemos unha reunión en Santiago nós e a Cruz Vermella e Cáritas, e todos andamos igual, o número de persoas necesitadas creceu o ano pasado unha media do 50%. E agora coas medidas que tomou o Goberno vai ser peor, porque sube o IVE, o gas... e xa non falamos só dos que están no paro, hai mileuristas con nenos ao seu cargo e hipotecas que tampouco chegan a fin de mes. Para percibir as axudas de Amigos de Galicia temos uns baremos, pero a eses mileuristas, cando teñen máis dun neno tamén os axudamos, porque xa sabemos que é imposible que lles dea o soldo. -Para atender tantas necesidades precisan tamén moitas doazóns, ¿subiron as axudas? -Si, no mes pasado recibimos 200.000 quilos de alimentos de fondos europeos, e tamén 12.000 do Banco de Alimentos da Coruña e tamén de Vigo. Logo hai axudas de particulares e moitos outros produtos que compramos nós. A partir de setembro imos encargarnos do reparto de alimentos a todos os comedores sociais e asilos de Galicia. -¿Non é un pouco contradictorio que haxa por unha banda excedentes de alimentos e por outra tantas necesidades?

-Non digo que non, pero sempre é mellor que nolos manden a nós e non que os queimen, como fixeron algunhas veces . Ademais os excedentes son de froitas e verduras, nada máis.

-¿Teñen medo de que aínda aumente a pobreza?

-Non é que teñamos medo, e que vai pasar, porque o Goberno agora decidiu que tiña que recadar máis e as familias o van ter máis difícil para chegar a fin de mes. En Galicia xa hai na actualidade un 17% da poboación no umbral da pobreza, e hai 270.000 persoas ás que non lles dá para vivir. -E a metade son rapaces... -Si, e a nós os que máis nos preocupan son os nenos, que non teñen culpa de nada. E máis agora que chega o verán, porque polo curso moitos deles comen nos colexios, pero no verán non se lles garantiza unha alimentación adecuada, por iso o que facemos nós e aumentar as cantidades que lles entregamos nestes meses, duplicamos o leite e lles damos máis pasta e máis carne, porque senón non comen, e iso é moi triste.