O norte da vida

Carmen Durán Martínez

AROUSA

24 jun 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

A sabiduría é coma un río que corre a través da historia, enriquecéndose coas aportacións dos distintos pobos e culturas ao largo de todos os tempos. Na procura desa sabiduría tiveron moito que ver as mulleres. Mulleres que souberon conciliar, integrar, harmonizar, xerar o que hoxe se chama cultura de paz. Mulleres que por distintos motivos coñecín e das que tanto aprendín e aprendo. Mulleres que sen preparación académica e vivindo nesa época escura da posguerra foron capaces de ver para nós que o horizonte tería máis luz se estudabamos e alcanzabamos a tan ansiada independencia económica. Esas mulleres promoveron que sexamos a xeración de homes e mulleres profesionalmente máis preparadas da historia deste país. Somos a xeración do cambio á democracia, da maior participación e responsabilidade nos distintos estamentos da actual vida civil. Para esas mulleres tan decisivas, infinito agradecemento, moita atención, moito cariño, o meu cariño.

Á muller que hoxe me conta aspectos da súa vida téñoa escoitado moito e no me canso de escoitala. Está ao día en todo. É unha muller que sempre está, sempre a encontras e ten ese tempo que non mide para escoitarte ou acompañarte. Vai contigo e tanto se adapta á túa xente como che presenta a dela. Ten ampla capacidade de relación -moi querida pola familia e os amigos-, é hospitalaria -a súa casa sempre foi de portas abertas e fixo súa a expresión: «De portas adentro todas son camas», democrática -favoreceu xuntanzas, anima á participación, sabe ir cos tempos...- Adaptase a múltiples circunstancias, tanto vai de compras como ao teatro, a unha exposición ou compra unha tea e fai o seu traxe. Podía ter sido arquitecta, xa dirixíu varios planos de casas que arranxou ou fixo. Todos os días segue os informativos, le o xornal e é unha fiel seguidora do Informe semanal .

Carmen Martínez Piñeiro ten unha vida intensa que transcorre dende que nace en Sisán (Ribadumia, 1927), onde empeza a etapa escolar que continuará en Barrantes, xa que seus pais trasládanse a vivir a San Martiño (Meis). Coñece a escola da República, a dor da época da guerra á que obrigatoriamente vai seu pai, a quen admiraba moito. Vive a escasez da posguerra, aínda que recoñece que a súa condición era favorable. «Había escasez de todo -conta-, pero nós nunca pasamos fame, podíamos comprar a tea para facer a roupa, viña a costureira á casa, eu fixábame moito como cosía, así aprendín a coser a máquina, a ganchillar e a calcetar con cravos e fío de saco. Os zapatos, un par para o ano, e só se poñían os domingos e os días das festas. Meu pai era tratante de gando, cando veu da guerra tiña eu 12 anos. Había que levar os bois a Caldas. Eu quixen ir, e para non ir descalza fixen as zapatillas, e xa deixei de ir á escola. ¡Non ía estudar sendo filla única!, pensaban meus pais. Así foi como empecei a ir co meu pai ás feiras, a Mosteiro, Pontevedra, Padrón, iso gustábame. Tíñamos fincas e tamén aprendín o traballo do campo e a coidar os animais, a cociñar... Os domingos ía ao cine, ao baile polas festas. A comprar, íamos a Cambados, Vilagarcía e Pontevedra».

Con 22 anos casa con Pepito, que é patrón de pesca, e trasládase a vivir a Cambados. É así como emprende a súa propia vida, en común co seu home. «Pepito ía ao mar e eu tiña tenda; comprei, vendín, algo de todo? Pagáballe aos mariñeiros, ás atadoras, ía á lonxa? A vida do mar é dura e incerta, ¡non sei como me acostumbrei! De falar cos profesores ocupeime eu, pero Pepito sabía todo e para os estudos dos fillos nunca puxo pegas. Falabamos e acordabamos todo entre os dous e cando os fillos foron sendo maiores tamén contamos con eles, e aprendemos uns dos outros. Traballamos moito, pero eu ata agora síntome ben».

Catro fillos e moitas experiencias

Carmen é unha muller entusiasta, vitalista, que alumbra con luz propia, unha persoa que infunde seguridade e transmite confianza e firmeza, un privilexio coñecela e disfrutala. Eu téñoa de norte incluso no meu traballo. Cando lle pregunto de que aspecto da vida está máis contenta, contesta rápido: «Eu estou contenta de todo o que fixen en cada época, todas son bonitas porque xa vas facendo segundo vas podendo. Agora non podo facer o mesmo que cando tiña 30 ou 40 anos, pero non importa, porque xa o teño feito. Do que máis satisfeita me sinto é de facer todo o posible para que os meus fillos estudaran o que lles gustaba e agora saber que están a gusto, traballando no que elexiron e para o que se prepararon. Gústame que sexan bos profesionais, pensando sempre en facer ben, e non esquecendo nunca as súas raíces».

Ten catro fillos, tres mulleres e un home. Todos fixeron carreira e teñen traballo. Carmen sabe e opina dos traballos e dos problemas e alegrías que dan os fillos. Pregúntolle se lle compensou, catro fillos,tanto traballo... «Si, a min si. Eu tiven os fillos convencida"

¿Agora faría o mesmo? «Son outros tempos e entendo ás mulleres actuais, preparadas, independentes. Son máis libres para decidir como enfocar a súa vida e ter ou non fillos. A felicidade non está en casarse nin en ter ou non ter fillos. Si está en saber o que queres, cumprir coas túas obrigas, intentar facelo ben. Agora, que se tes fillos, hai que atendelos, dedicarlle tempo, falar con eles? Deben saber o que hai e non darlle máis do que se pode, máis ben menos. È mellor que sintan a necesidade de algo e non que lles sobre. É moi importante que estudien, que colaboren e saiban compartir, e que aprendan a responsabilizarse das súas tarefas. Iso hai que ir aprendendoo desde pequenos».

Toda unha filosofía, unha lección aprendida nos libros da vida. Carmen é unha muller sinxela, austera, aportou sabiduría á nosa historia, á miña vida. Grazas mamá por tanta xenerosidade, dedicación, cariño. Mil grazas por todo.