O porto de Bueu é un dos principais da ría e as illas atlánticas un dos seus mellores caladeiros
20 jun 2010 . Actualizado a las 02:00 h.Vostede mostrou o seu rexeitamento ao plan rector do parque nacional ou á limitación da actividade pesqueira nas illas. A proposta da SEO/Birdlife estima que hai que tomar medidas ambientais nunha zona aínda maior.
-¿Como valora a relación entre os ecoloxistas e o sector pesqueiro das Rías Baixas?
-A groso modo teñen toda a razón do mundo, se queren primar tanto as aves sobre o ser humano, nós estamos dispostos a deixar de pescar se nos fan funcionarios do Ministerio de Medio Ambiente, e que se dediquen a protexer moscas, gaivotas e peixes. A mín, e xa falando máis en serio, incomódame bastante este tipo de propostas. Levamos moito tempo convivindo cos animais e eles e nós seguimos aí. Xa estamos moi recortados nos nosos dereitos de pesca e a cambio non recibimos nada, e o que é máis preocupante é que somos un sector que ocupa a moita xente. Eses ecoloxistas, que eu chamo de BMW, deberían ver a realidade e vir aquí.
-No informe da SEO/Birdlife fálase de especies mariñas en situación de risco.
-A colonia de cormoráns multiplicouse por dez nos últimos dez anos. Parece que hai que salvar ao cormorán moñudo sobre todo, e incluso as gaivotas que veñen a roubar a comida á casa e á xente mentres que a nós restrínxesenos a actividade pesqueira. A vida é unha loita e prefiro que caia un cormorán a que o faga un mariñeiro.
-¿Respecta o sector o medio ambiente?
-Nós somos os primeiros en respectar os animais porque non somos enimigos deles. Nós somos profesionais e traballamos e levamos no mar toda a vida. Se algún día accidentalmente morre algún paxaro nas artes iso non quere dicir que haxa que prohibir a actividade ou limitala. Levo moitos tempo traballando ao enmalle e creo que unha vez atrapei un cormorán en quince anos, e outra vez e tamén por casualidade un par de araos. En quince anos iso non é nada. A cousa non é tan negra como a pintan.
-¿Que propón para conservar as especies?
-Hai moitas cousas que deberan facer para recuperar unha especie. Se está en perigo que fagan unha cría intensiva e logo fagan una solta deles, por exemplo. Pero creo que para os ecoloxistas e para a Administración semella que o único enimigo a batir é o mariñeiro, e iso é inxusto.